Vostede está aquí

Nova

Mañá comeza a veda da centola na provincia de Lugo
  • A prohibición de extracción deste crustáceo na costa lucense prolongarase ata o vindeiro 27 de novembro, día incluído
  • No caso do boi, o período de veda en toda Galicia vai desde o 3 de setembro ata o 6 de novembro, ambos incluídos
     

  • Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022 A veda da centola na zona comprendida entre cabo Estaca de Bares e o río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro, comeza mañá, 2 de xullo, e prolongarase ata o vindeiro 27 de novembro, día incluído.

    Así o establece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2022-2023, que neste caso establece vedas diferenciadas para as dúas especies. Este ano está prohibido extraer centola na provincia de Lugo desde as 00.00 horas do sábado 2 de xullo ata as 00.00 horas do domingo 27 de novembro.

    Nas provincias da Coruña e Pontevedra a veda da centola comezou xa o pasado 25 de xuño e prolongarase ata o vindeiro 6 de novembro, día incluído. Mentres, no caso do boi, a veda prolongarase en todo o litoral de Galicia desde as 00.00 horas do sábado 3 de setembro ata as 00.00 horas do domingo 6 de novembro.

    Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte en augas de Galicia. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto.

    A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos.