Vostede está aquí

Nova

A Xunta avalía coa confraría de pescadores do Grove as necesidades e a evolución da actividade do sector da zona

O Grove (Pontevedra), 1 de xullo de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes da confraría de pescadores do Grove para coñecer as necesidades da entidade e dos seus socios e analizar a evolución da actividade dos profesionais da súa área de influencia nos últimos meses. O porto do Grove é un dos máis importantes de Galicia na pesca da centola e na última campaña marcou os mellores rexistros en máis dunha década. A lonxa local poxou ata a semana pasada máis de 90.000 quilos deste crustáceo e superou os 1,3 millóns de euros de facturación, unhas cifras por enriba das marcadas na campaña anterior, que ostentaba o mellor rexistro ata o momento.

A titular de mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, avaliou cos responsables da confraría as necesidades máis inmediatas en materia de infraestruturas e de mellora de equipamentos co obxectivo de avanzar na mellora da comercialización dos produtos do mar e impulsar a actividade. Nesta liña, a representante do Executivo galego defendeu a transcendencia do mantemento das instalacións dos portos e das lonxas para facilitar o traballo diario dos profesionais do mar e mellorar os seus resultados.