Vostede está aquí

Nova

Galicia defende a necesidade de contar cos mellores datos posibles á hora de tomar decisións na xestión pesqueira ante retos como o cambio climático
  • O Executivo galego destaca a importancia de que todas as normas que emanan da Unión Europea conten cun traballo rigoroso previo para que sexan acordes coa realidade do sector pesqueiro
  • Rosa Quintana lembra que os recursos mariños son fundamentais para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía e que a frota galega é consciente desde hai tempo da necesidade de realizar unha explotación responsable das distintas especies co obxectivo de garantir o futuro da actividade
     

  • A Coruña, 4 de xullo de 2022

    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de contar cos mellores datos científicos, técnicos e xurídicos para non errar á hora de tomar decisións na xestión pesqueira e afrontar retos como o cambio climático e a transición ecolóxica. Fíxoo durante a súa participación na inauguración do curso de verán da Universidade da Coruña (UDC) Os mares tínguense de verde: a UE e a transición ecolóxica e dixital dos mares e océanos, onde destacou a importancia de que todas as normas que emanan da Unión Europea conten cun traballo rigoroso previo.

    A titular de Mar lembrou que os recursos mariños son fundamentais para abastecer de alimentos de calidade á cidadanía e subliñou que os pescadores galegos son conscientes desde hai moito tempo da necesidade de realizar unha explotación responsable das distintas especies co obxectivo de garantir o futuro da actividade.

    Nesta liña, a representante da Xunta expuxo que a Administración galega adoita cargarse de argumentos e elabora os estudos necesarios co obxectivo de que as normas comunitarias sexan acordes coa realidade do sector e que, unha vez estas se aproban, a comunidade é todo un exemplo a nivel europeo no seu cumprimento.

    Por iso, pediu que Bruxelas siga esa senda de traballo e adopte todas as decisións baseándose en informes elaborados e rigorosos ao tempo que salientou a necesidade de que a Comisión Europea elabore normativas xustas e ponderadas que permitan o mantemento da actividade do sector en augas comunitarias.

    A titular de Mar agradeceu á Universidade da Coruña a organización deste curso de verán, impulsado polo Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga en colaboración coa Cátedra Jean Monnet, e lembrou que esta é a única cátedra sobre Dereito do Mar existente en Galicia. Por iso, animou aos alumnos a aproveitar esta oportunidade e ampliar os seus coñecementos sobre o mundo do mar, a súa xestión ou o papel da UE e de Galicia no seu desenvolvemento.

    Curso de verán

    A acción formativa impulsada pola UDC está cofinanciada pola Comisión Europea e a Autoridade Portuaria da Coruña -onde se imparte o curso- e está dirixida ao alumnado de grao, mestrado ou programas de doutoramento de universidades españolas ou estranxeiras así como a membros da sociedade civil. Nela abordaranse asuntos como a conservación do medio mariño, o uso responsable dos recursos, o Dereito Marítimo, o patrimonio cultural subacuático ou a piratería, entre outros moitos.

     

    Nas xornadas formativas, que se celebran entre hoxe e o venres, os participantes recibirán clases maxistrais de distintos expertos do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Cátedra Jean Monnet, de representantes do sector pesqueiro e tamén da Consellería do Mar ou da Federación Internacional do Transporte. A clausura do curso acollerá unha conferencia do exconselleiro de Pesca da Xunta de Galicia, Enrique López Veiga

    Galeria de imaxes