Vostede está aquí

Nova

Galicia defende ante Bruxelas normas baseadas en estudos sólidos que eviten casos como o veto a artes selectivas e sustentables como o palangre de fondo
  • A titular de Mar salienta a responsabilidade e o compromiso do sector pesqueiro galego co cumprimento das normas e cunha pesca sostible que garanta o seu futuro
  • A Xunta aposta porque a aplicación das novas regulacións se faga de xeito acompasado e tendo en conta a realidade das distintas frotas
  • Rosa Quintana agradeceu a Charlina Vitcheva a súa disposición a escoitar os problemas do sector da voz dos seus protagonistas e confiou en que ese intercambio de opinións lle permitise ter unha idea máis real do que é a cadea mar-industria galega
  • A comunidade defende a importancia de que o sector, os científicos e as administracións traballen unidos coa finalidade de manter viva unha actividade que produce alimentos de calidade e é fundamental para a economía de Galicia

  • Vigo, 12 de xullo de 2022

    A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro cos integrantes do Consello Galego de Pesca no que tamén participou a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, para analizar a situación do sector do mar de Galicia e os retos aos que se enfronta na actualidade. Nesa xuntanza os representantes dos distintos elos da cadea mar-industria e a Administración galega trasladaron a necesidade de adoptar medidas de xestión baseadas en estudos sólidos para evitar casos como a proposta de prohibir a pesca de fondo en preto dun cento de áreas europeas. Ese veto inclúe o palangre de fondo malia ser unha dar artes máis selectivas e sustentables que existen.

    A representante da Xunta apelou á necesidade de adoptar decisións de xeito ben meditado e contando con datos detallados para evitar situacións como a xerada tamén pola obriga de desembarque. Nese caso, indicou, adoptouse esta medida como se a devolución do peixe ao mar fose unha decisión deliberada dos pescadores  cando se debía á imposibilidade de capturalo pola escaseza de posibilidades de pesca.

    Os representantes do sector do mar trasladáronlle o alto grao de compromiso e responsabilidade da frota galega no cumprimento das normas para desenvolver unha pesca sustentable que garanta o seu futuro. Neste sentido, a titular de Mar salientou a importancia de que o sector, os científicos e as administracións traballen unidos coa finalidade de manter viva unha actividade que produce alimentos de calidade e é fundamental para Galicia pois incide na maioría das ramas económicas da comunidade.

    Por iso, a representante do Executivo galego agradeceu á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea a súa disposición a escoitar os problemas do sector directamente da voz dos seus protagonistas. Ao mesmo tempo, expuxo o seu desexo de que ese intercambio de opinións lle permitise facerse unha idea máis real do que é o complexo mar-industria galego e así as medidas que se adopten a partir de agora desde Bruxelas sexan máis acordes á súa realidade, facilitando o desenvolvemento da actividade.

    Neste sentido, a conselleira subliñou que se tratou dunha reunión -na que tamén estivo a secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz- moi frutífera para coñecer os problemas e necesidades dun sector que aposta polo seu futuro e que emprega directamente a máis de 20.000 persoas, unha cifra que se multiplica por máis de catro engadindo os postos de traballo indirectos.

    Galeria de imaxes