Vostede está aquí

Nova

Rosa Quintana destaca a declaración de interese galego da Festa do Percebe de Aguiño como un recoñecemento á posta en valor dos produtos do mar

 Ribeira (A Coruña), 31 de xullo de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe a importancia de eventos gastronómicos como a Festa do Percebe de Aguiño para enxalzar a calidade dos produtos do mar de Galicia e dalos a coñecer en todo o mundo. Neste sentido, destacou a relevancia dunha cita que chega este ano á súa XXIII edición co fito de ser declarada o pasado maio como festa de interese turístico galego polo Consello da Xunta. Con este recoñecemento o Executivo galego pon en valor a lonxevidade dun evento vital para a promoción deste crustáceo e a cita gastronómica máis importante para o concello de Ribeira.

A titular de Mar destacou que este distintivo supón un recoñecemento á confraría de pescadores de Aguiño-Carreira e ao concello da localidade así como ao traballo dos percebeiros polo seu arriscado labor e ao propio percebe, pola súa excelencia. Rosa Quintana tamén tivo unha mención especial para o artista Manuel Ayaso e para a integrante do grupo Tanxugueiras Aida Tarrío, ambos orixinarios de Aguiño e que foron declarados Percebeiros de Honra por levar o nome da localidade a todos os lugares nos que expoñen o seu saber facer. A XXIII Festa do Percebe de Aguiño prevé repartir arredor dunha tonelada deste crustáceo e outros produtos como empanada caseira, churrasco e polbo acompañados de viños galegos.

Galeria de imaxes