Vostede está aquí

Nova

A Xunta e a Cruz Vermella avanzan na súa colaboración no salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña
  • Esta cooperación realízase a través do Servizo de Gardacostas e a Consellería do Mar destina 30.000 euros para sufragar as actividades desenvolvidas este ano

  • Ambas as dúas partes levan máis dunha década colaborando nesta materia co obxectivo de sumar esforzos e avanzar na seguridade no eido marítimo-pesqueiro
     

  • A Coruña, 21 de setembro de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta da Cruz Vermella en Galicia, María Carmen Colmeiro, renovaron hoxe o convenio de colaboración da Administración galega con esta entidade en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. A este acordo asinado hoxe a Xunta destina este ano 30.000 euros para sufragar as actividades realizadas ao longo deste ano e que inclúen, entre outras actuacións, operacións de rescate e de busca de desaparecidos no mar.

     

    No acto de sinatura do convenio tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, posto que a colaboración entre ambas partes materialízase a través deste organismo autonómico.

     

    Esta cooperación implica a participación da Asemblea Autonómica de Galicia da Cruz Vermella Española, que conta con estacións e postos de salvamento ao longo do litoral galego, en tarefas de salvamento marítimo e loita contra a contaminación de forma coordinada cos medios da Consellería do Mar. Así, a entidade pon a disposición os seus medios operativos alí onde sexan necesarios e, pola súa banda, ao Executivo autonómico correspóndelle coordinar e colaborar coas tarefas que realice coa Cruz Vermella nesta materia. A Xunta leva destinado desde 2009 a esta finalidade preto de medio millón de euros para sufragar as actividades realizadas.

     

    Este acordo de colaboración enmárcase na aposta blindada da Xunta de Galicia pola suma de esforzos co obxectivo de avanzar na seguridade no eido marítimo-pesqueiro. Nesta liña, a conselleira do Mar lembrou que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun servizo de gardacostas propio e que este departamento leva máis dunha década colaborando coa Cruz Vermella no eido mariño en actuacións como exercicios prácticos de rescate, a divulgación entre o sector profesional dos métodos, técnicas e medios utilizados nestes exercicios, en cursos de primeiros auxilios para pescadores e na busca de desaparecidos no mar.

     

    No que vai de 2022, a Cruz Vermella de Galicia realizou tres operacións de remolque e auxilio a pesqueiros na Coruña e Burela. Todo isto realízase de xeito coordinado coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) e a través da colaboración autonómica neste ámbito tanto en materia de prevención como de emerxencias.

     

    Cruz Vermella na Coruña

    A base de salvamento marítimo de Cruz Vermella da Coruña, que o pasado ano cumpriu 50 anos de historia, foi a primeira base da entidade en España. Actualmente, dispón de catro embarcacións –LS Condesa Pardo Bazán, LS Caixa de Badajoz, LS Branca Dúas e LS CR Sada–, así como un coordinador, un técnico e 70 voluntarios que cobren as gardas da base as 24 horas do día e os 365 días do ano.

    Galeria de imaxes