Nova

O xeito conta neste inicio do ano con maior cupo de sardiña por tripulante, día e barco co obxectivo de que a frota faga un consumo exhaustivo da cota anual

O DOG publica o plan de xestión desta especie e arte de pesca para este ano 2024, no que para o primeiro trimestre se contempla un tope máximo total de 20 toneladas.

Establécese unha cota de 100 quilos por tripulante a bordo e día, ao que se lle sumarán 100 quilos por barco e xornada, que duplican os que se fixaron no plan para 2023

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar o Plan de xestión da sardiña con arte de xeito para 2024 no que, ao igual que en 2023, se volve a fixar un tope máximo de capturas de 20 toneladas para o primeiro trimestre do ano. Sen embargo hai cambios na cota que se asigna por tripulante a bordo e día, que sube de 50 a 100 quilos, aos que se sumarán outros 100 quilos por barco ao día, tamén o dobre dos que recollía a resolución do ano pasado.

O obxectivo da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica con este aumento do cupo diario é o de conseguir que a frota do cerco que faena con esta arte de pesca tradicional e e selectiva poidan realizar um consumo exhaustivo da súa cota anual. Indica a resolución que en Galicia existen 412 embarcacións com permiso para utilizar esta arte e susceptibles de despachar a mesma “no momento que se elimine a actual limitación imposta polo Plan de recuperación da sardiña ibérica”.

No plan publicado hoxe sinálase que nas últimas campañas se constatou unha melloría no recurso acentuada en 2022, o que permitiu a dispoñibilidade dun stock de 381.074 quilos, pasando no ano 2023 a 487.332 quilos, superior ao das campañas anteriores.

En concreto, as capturas de sardiña da campaña 2023 do xeito en Galicia situáronse en 212.377 quilos para un total de 149 embarcacións despachadas, quedando por debaixo dos 261.661 quilos pero por riba dos 112 barcos de 2022. A facturación superou os 610.000 euros, cunha media de 2,87 €/kg. A considerable distancia sobre as disponibilidades de capturas fan que agora se decida elevar a cota por tripulante e día, así como por pesqueiro, co fin de que a frota poda maximizar o consumo da cota anual.

A publicación no DOG so recolle o tope ata marzo, pero a súa aplicación exténdese ao conxunto do ano e xa se coñece o limite global para 2024. O pasado 29 de febreiro o BOE recollía a resolución da Secretaría General de Pesca do Ministerio coas asignacións iniciais para a frota autorizada á pesqueira da sardiña ibérica, outorgando ás artes menores que utilicen o arte do xeito 406.663 quilos; para o cerco racú e piobardeira no Cantábrico e Noroeste 8.317.392 quilos; e para o cerco no Golfo de Cádiz 6.166.695 quilos.

O Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES, polas súas siglas en inglés), decidira reducir a cota de sardiña de España e Portugal nun 21,5 %, baixando a 29.560 toneladas as que poderá pescar o país veciño e as citadas 14.890 toneladas que se reservaban ao conxunto da frota española.

O plan para o xeito pretende combinar unha adecuada xestión do recurso co desenvolvemento socioeconómico dos professionais que se dedican a esta arte, unha das máis selectivas e coa que se captura fundamentalmente sardiña. Para a súa elaboración recibíronse propostas da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e foi consultado o sector, dentro da coxestión pola que aposta a Consellería do Mar.