REDEMAR (Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos na Comunidade Autónoma de Galicia)

Redemar

A Rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia e unha ferramenta pioneira na comunidade, que da resposta a unha demanda que dende Dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro hai tempo que se ven observando, como é a necesidade de crear un marco/espazo de colaboración entre o sector Pesqueiro e os organismos científicos/investigadores de forma que se podan poñer en común as experiencias, coñecementos, problemas e desexos de mellora e buscar entre todos as solucións á problemática do sector, así como emprender as actuacións precisas para acadar as solucións atopadas.

REDEMAR pretende contribuír a que a Administración conte coa mellor información dispoñible sobre a situación dos distintos recursos para unha óptima xestión e ordenación pesqueira, na que estean en equilibrio os criterios medioambientais, económicos e sociais, para garantir o futuro do mar promovendo una xestión responsable.

A dita rede créase baixo o amparo do Programa Operativo para España do FEMP o cal no seu o apartado 3.1 (prioridade 1) describe a estratexia global para a programación do sector pesqueiro español, establecendo que “para garantir un sector pesqueiro plenamente competitivo a longo prazo, é preciso acompañar este crecemento sostible dun crecemento intelixente baseado na transferencia de coñecemento e a mellora das capacidades”, mencionando que para iso fomentarase a colaboración entre organismos científicos e sector pesqueiro.

O FEMP no artigo 28 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e Consello fomenta este tipo de asociacións concedendo axudas á creación de redes coma REDEMAR e as asociacións e actividades realizadas no marco destas, polo que para estas actuacións, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro conta cun apoio deste fondo de 2 M € a executar en dous anos.

Por Orde do 27 de xuño de 2022  da Consellería do Mar créase a Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
 

Sesión de constitución

A Rede constituíuse o 7 de setembro de 2022, está coordinada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento pesqueiro e forman parte dela en representación do sector pesqueiro a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, as tres Federacións Provinciais, o Consello Gallego de Pesca, a Federación Galega de Redeiras, unha persoa representate do marisqueo a pé e os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), mentres que o sector da investigación está representado polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, as tres universidades galegas (USC, UDC e UVigo) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) con representantes do Instituto de Investigacións Mariñas e do Instituto Español de Oceanografía.
 

Sesión de constitución

 

Primeira reunión de traballo (10/10/2022)

As primeiras actuacións foron a aprobación do Regulamento Interno de Funcionamento así coma o modelo de solicitudeorzamento e acordo de asociación para a presentación de propostas para realizar actuacións orientadas a acadar resultados aliñados cos obxectivos do PO FEMP.

O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o esgotamento dos fondos asignados á creación e realización de actividades pola Rede, non obstante, a aprobación das propostas presentadas realizarase de forma periódica, sendo a data prevista para a primeira o día 24 de outubro de 2022. As ditas solicitudes presentaranse a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia utilizando o modelo de presentación electrónica de solicitudes PR004A, dirixido á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

A Rede empezou coa creación de grupos de traballo, sendo as primeiras propostas as seguintes:

  • Grupo de traballo sobre as ouxas e o seu impacto sobre os bancos marisqueiros. Contacto: Mónica Mandado Alonso (monica.mandado.alonso@xunta.gal).
  • Grupo de traballo sobre macroalgas. Contacto: Ana Alonso Martínez (ana.alonso.martinez@xunta.gal).
  • Grupo de traballo sobre parámetros biolóxicos dos peixes. Contacto: Alexandre Alonso Fernández (alex@iim.csic.es).
  • Grupo de traballo para a  integración dos datos das asistencias técnicas das confrarías. Contacto: Alexandre Alonso Fernández (alex@iim.csic.es)
  • Grupo de traballo sobre a situación dos recursos marisqueiros na costa. Contacto: confrariasgalicia@confrariasgalicia.org.

Convocatoria dun curso de formación de observadores a bordo

Baixo o amparo de REDEMAR, estase a organizar un  curso de formación de observadores en pesca de baixura que os capacite para a realización das tarefas de mostraxe a bordo en actividades pesqueiras, coa finalidade de crear unha bolsa de traballadores cualificados e dispoñibles para realizar as funcións de observación a bordo, que permita complementar ao actual equipo da Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB) da Dirección Xeral de Desenvolvento Pesqueiro. 

Bases da Convocatoria
Anexo I
Listaxe provisional de persoas admitidas e excluidas
RESOLUCIÓN da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aproba a listaxe definitiva de persoas admitidas coa súa baremación e excluídas no curso de formación de observadores a bordo, convocado pola resolución de 22 de marzo de 2023
RESOLUCIÓN de persoas que superaron con aproveitamento o curso de formación de observadores de a bordo
 

Documentación precisa para presentación de propostas á Rede