Nova

Alfonso Villares reclama ao Goberno central a posta en marcha do PERTE para a cadea mar-industria e a baixada do IVE aos produtos pesqueiros

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O conselleiro destacou que ambas medidas son dúas demandas do propio sector que aínda non foron atendidas, sendo fundamentais para a súa transformación e para o estímulo do consumo de peixe e marisco

Alfonso Villares puxo en valor a calidade e as propiedades nutritivas dos produtos do mar e os seus beneficios para a saúde polo que animou a continuar afondando nas campañas de promoción para incentivar a demanda destes alimentos

A empresa foi unha das beneficiarias das axudas para compensar ao sector polo incremento de custos e as alteracións no mercado a consecuencia da invasión rusa de Ucraína
 

Vilaboa (Pontevedra), 23 de xaneiro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclamou ao Executivo estatal que poña en marcha canto antes o PERTE comprometido para a cadea mar-industria o cal lle permitiría acceder aos fondos europeos para facilitar a súa transformación, unha medida longamente demandada polo sector. O responsable autonómico fixo estas manifestacións acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, durante a visita ás instalacións da empresa conserveira Conservas do Noroeste no concello pontevedrés de Vilaboa.

O titular de Mar demandou de novo a baixada do IVE aos produtos pesqueiros a semellanza ao feito con outros alimentos pois de non facelo dáse un trato discriminatorio que supón unha desvantaxe competitiva nun contexto especialmente adverso marcado polo descenso no consumo. Nesta liña, desde o Goberno galego vense salientando que esta medida está avalada por informes de organismos independentes, entre os que están os elaborados polas universidades galegas, que subliñan o seu impacto positivo tanto na evolución do consumo do peixe e mariscos, como no fomento da actividade económica favorecendo a xeración de emprego.

Alfonso Villares puxo en valor a calidade dos produtos do mar galegos, un dos buques insignia polos que é recoñecida máis alá das nosas fronteiras a imaxe de marca Galicia Calidade, así como as súas propiedades nutritivas con destacables beneficios para a saúde dos consumidores. Por ese motivo valorou positivamente a nova campaña de promoción do consumo posta en marcha polas confrarías e Agade baixo o lema ‘Consume do noso’, resaltando que a mellor forma de apoiar ás xentes do mar é consumindo o seu peixe e marisco.

Empresa referente

A conserveira pontevedresa Connorsa é referente no sector a nivel estatal producindo 82,4 millóns de latas no 2022 que foron exportadas a preto dunha trintena de países dos cinco continentes e alcanzando unha facturación de máis de 80 millóns de euros. Na actualidade comercializa máis de 200 produtos diferentes, apostando por procesos de produción que combinan tradición e calidade que, combinados coa tecnoloxía e innovación máis avanzada, permite que responda de xeito eficiente ás necesidades dun mercado cambiante e duns consumidores cada vez máis exixentes.  

O conselleiro destacou que esta empresa foi unha das beneficiarias das axudas extraordinarias postas en marcha o ano pasado para compensar ao sector da pesca e a acuicultura polos efectos nos custos e as alteracións nos mercados provocados pola invasión rusa de Ucraína. Con tal motivo foron mobilizados preto de 14,7 millóns de euros co obxectivo de contrarrestar os gastos adicionais en combustible dos buques, envases e embalaxes, consumo eléctrico, fariñas de peixe ou pensos, cuxos prezos se viron fortemente incrementados polo conflito bélico.

Imaxes relacionadas