Nova

Alfonso Villares sitúa a Xantar como unha das feiras internacionais de turismo gastronómico máis importantes para Galicia

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O apoio da súa Consellería enmárcase no compromiso de dar a coñecer, difundir e promocionar os produtos que saen da costa galega; actuación á que este departamento achega só neste exercicio máis de 4,6M€

Dado que a participación en distintas feiras nacionais e internacionais é unha das accións que se inclúen neste esforzo inversor, ao longo deste ano, o Goberno autonómico estivo e estará presente nun vintena de eventos de destacado prestixio nos continentes europeo, asiático, americano e africano

Ourense, 25 de outubro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sitúa a Xantar como unha das feiras internacionais de turismo gastronómico máis importantes para Galicia. Así o destacou durante a visita realizada nesta xornada que o encontro dedica ao mar, e que contribúe a por en valor os produtos agroalimentarios que dan conta  da súa calidade e da riqueza culinaria que posúen os extraídos da costa galega.

Para o responsable autonómico, a feira, que este ano chega ao seu cuarto de século, da boa mostra de que tanto no eido da produción e comercialización, como no da súa difusión e promoción, tamén contribúe á xeración de riqueza sociolaboral para a comunidade autónoma. Por iso, gabou o traballo da organización por consolidar este evento que atrae a participantes referentes non só en España, senón tamén en Portugal ou en América Latina.

O departamento que dirixe Villares participa nesta encontro unha edición máis cun expositor propio,  unha colaboración que se vén mantendo nos últimos anos. Deste xeito, ata o vindeiro domingo, neste stand desenvolveranse distintos obradoiros-degustacións que enxalzan a excelente calidade dos produtos marítimo-pesqueiros, dispoñendo algúns de selos de calidade como pescadeRías. 

Serán un total de 8 accións, nas que se ofrecen aos asistentes as propiedades e o valor culinario e gastronómico que especies como o bonito do norte, a pescada do pincho de Burela, o rodaballo ou o mexillón aportan á dieta atlántica tan recomendada para a salubridade polo profesionais sanitarios.

4,6 millóns de euros en 2024

O apoio da Consellería do Mar, que fai posible o desenvolvemento de Xantar, enmárcase no compromiso do departamento autonómico de dar a coñecer, difundir e promocionar os produtos do mar. A esta actuación, o Goberno galego achega só neste exercicio máis de 4,6 millóns de euros.

Neste senso, a participación en distintas feiras nacionais e internacionais é unha das accións que se inclúen neste esforzo inversor. En 2024, o departamento autonómico estivo e estará presente nunha vintena de eventos de destacado prestixio nos continentes europeo, asiático, americano e africano. É o caso de Madrid Fusión, Gulfood Dubai, Seefood International Bremen, Foodex Xapón, Seafood Expo North America Boston, Alimentaria Barcelona, Forum Coruña, Salón Gourmets Madrid, Seafood Expo Global Barcelona, Navalia (Vigo), Salimat Abanca Silleda, Fancy Food (Nova York), Equiocio 2024 (Ferrol), Seafood Expo Asia Singapur, Sial París, Conxemar (Vigo), San Sebastián Gastronómica, Expo Xantar Ourense, Expomar Cabo Verde Mindelo e Gastronómica Valencia.

Sector estratéxico

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou que Galicia xa recoñece como prioritaria e estratéxica a actividade pesqueira para o desenvolvemento sostible da costa galega. Así o manifestou recordando que así o estipula a Lei do Litoral, unha norma pioneira impulsada polo Goberno galego que foi elaborada co consenso do sector da pesca en Galicia e que foi recorrida no seu momento polo Goberno central obtendo finalmente o aval do propio Tribunal Constitucional.

Así, sinala entre os seus fins “o apoio ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de Galicia, mediante accións de ordenación do litoral que favorezan o mantemento das poboacións litorais que viven do mar, garantan o desenvolvemento das súas actividades por medio da explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos, baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais”.

Rebaixa do IVE

O responsable autonómico reiterou os efectos positivos que tería rebaixar aos produtos do mar nun contexto de progresivo descenso do consumo, como demanda o propio sector e sinalan diferentes informes de organismos independientes. Nesta liña, sinalou que o peixe proporciona a mellor proteína e ofrece importantes beneficios para a saúde para os consumidores. Unhas propiedades nutricionais que desde o Goberno galego se tratan de divulgar a través de campañas de promoción como GALICIA SABE AMAR.

Imaxes relacionadas