O mar é un elemento que define e caracteriza boa parte da riqueza da nosa terra e unha fonte de recursos moi prezada, pois arredor del configúrase un sector primario estratéxico a nivel económico, social e tamén cultural.
De aí a importancia de que sexamos conscientes deste tesouro único que nos brinda a nosa terra, porque asumir e ter claro o privilexio que temos de contar cos recursos que nos aporta, é a mellor arma para coidalo e defendelo. É o mellor xeito de construír futuro.
Un futuro que pasa por seguir pescando e mariscando e fundamentalmente por saber vender, dotar de valor engadido os nosos peixes e mariscos e saber difundir a súa calidade alén da nosas fronteiras.
E a mellor maneira de facer camiño é xuntos, sumando esforzos entre Administración, sector e científicos. Porque a fusión de saberes e de traballo destes tres ámbitos é decisiva para a traxectoria do noso complexo mar-industria e porque a mellor forma de ordenar e xestionar o mar e o sector é da man do sector, remando xuntos para promover o aproveitamento racional e sustentable do noso mar, pois quen lle aporta valor son as súas xentes, os seus profesionais.
A eles dedicamos principalmente este espazo, que tamén busca ser unha ferramenta para futuros profesionais e para a cidadanía en xeral. Un espazo que ademais pretende ser de axuda para presumir da extraordinaria despensa que alberga o carácter único das nosas rías.
Benvidos a todos e a todas a esta casa, a vosa casa.
- Biografía
-
Naceu no ano 1959. É licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutora en Bioloxía coa tese ‘Contribución ao coñecemento do desenvolvemento gonadal do mexillón galego cultivado’.
- Comezou a traballar como funcionaria na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura como inspectora pesqueira.
- Ocupou os postos de xefa de sección de Inspección Pesqueira, xefa do Servizo de Marisqueo e de delegada territorial da devandita Consellería en Vigo.
- Foi nomeada directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.
- Desde a súa licenciatura ata a actualidade participou como poñente en diversos cursos relacionados co mundo da pesca e publicou distintos traballos, tamén relacionados coa pesca, o marisqueo e a acuicultura.
- No ano 2007, participou como experta da Unión Europea na celebración de seminarios sobre lexislación alimentaria na UE para produtos da pesca e acuicultura en Puerto Varas (Chile).
- Desde 2009 a 2012 foi conselleira do Mar.
- Desde 2012 a 2015 exerceu como conselleira do Medio Rural e do Mar, volvendo a ser nomeada como conselleira do Mar en outubro de 2015.
Rosa Quintana
