Frota de altura

Este segmento abarca aos buques que aproveitan recursos internos da Unión Europea. Nestas augas comunitarias non españolas faenan máis de 70 pesqueiros con porto base en Galicia.

Destacan as unidades do Gran Sol da NEAFC (Comisión de Pesca do Atlántico Nordeste). Son buques de fresco de gran importancia para Galicia que operan principalmente en augas do Sur e do Oeste de Irlanda (subáreas VIN e VII), aínda que tamén se inclúen embarcacións que pescan nas costas de Francia (subárea VIII divisións VIIIa e VIIIb). Faenan ao arrastre e ao palangre de fondo para capturar pescada, galo, rape e lagostino e os portos máis importantes para estes buques en Galicia son A Coruña, Vigo, Marín, Celeiro e Burela.

Os pesqueiros do caladoiro portugués desenvolven unha actividade importante, sobre todo nos portos de Vigo e Marín. En augas do país veciño, faenan arrastreiros e cerqueiros en virtude do marco fronteirizo e con reciprocidade nas licenzas de acceso.

Tamén actúan en augas europeas, fóra do Caladoiro Nacional, os barcos de cerco que ao final da primavera adoitan navegar cara ao Golfo de Biscaia para participar na costeira da anchoa. Nesta actividade participan sobre todo unidades de maior porte e, dependendo da produtividade de cada costeira, mantéñense nesa zona mesmo ata o verán. Algúns destes barcos incorpóranse máis tarde a outra pesca estacional, a costeira do bonito, actividade na que anualmente participa unha importante fracción da frota galega.