Marisqueo

O marisqueo é a actividade baseada na cría, captura, e recollida de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños. Ademais, abarca os labores de mantemento das zonas asignadas para esta actividade. Desenvólvese a pé ou dende embarcación na zona marítima ou marítimo-terrestre e faise de xeito exclusivo con artes selectivas para cada especie.

Esta actividade ten unha grande importancia social en Galicia, xa que dela dependen os ingresos de preto de 4.000 persoas empregadas no marisqueo a pé, na súa gran parte mulleres. O marisqueo a flote, porén, é desempeñado principalmente por homes.

As especies principais que capturan os mariscadores a pé son: a ameixa xaponesa, ameixa fina, a ameixa babosa e o berberecho.