Frota costeira

Trátase dunha frota moi numerosa e cunha importancia social fundamental en Galicia. Está formada por buques de pequeno porte, cun arqueo moi variable e con características moi heteroxéneas dependendo da arte de pesca que practiquen.

  • A frota de artes menores ou artesanal, na que se inclúe o marisqueo a flote, é a máis importante en canto a número de embarcacións. Engloba a preto de 4.000 unidades que faenan en augas interiores, sobre todo nas rías, zonas de competencia exclusiva da Xunta de Galicia. O polbo, a faneca, o congro, o choco, a centola ou a ameixa son as principais especies que explota esta frota.
  • A frota de litoral fórmana buques de entre 10 e 150 Toneladas de Rexistro Bruto que traballan preto da costa galega, da cantábrica e da portuguesa. O cerco é a segunda frota máis numerosa das de baixura, cuns 150 barcos. A súa permanencia no mar non supera as 24 horas e adoitan pescar lirio, xurelo, xarda, bocarte e sardiña. Cambados, Redondela, Portosín e Malpica son os principais portos base deste segmento de frota.
  • A frota de arrastre de litoral atópase a medio camiño entre a frota de altura e a de baixura. Dedícase á captura de pescada, rape, rapante, xurelo e cigala nas augas do caladoiro do Cantábrico, desde Portugal a Francia. Fórmana unhas 70 embarcacións que teñen a súa base principalmente nos portos de Burela, Celeiro, A Coruña, Ribeira, Muros, Marín e Vigo.
  • Completan a frota costeira outro tipo de embarcacións menos numerosas, pero igualmente importantes para algúns portos como as embarcacións de palangre de fondo, os pesqueiros con rascos e con volanta e a frota de palangre de superficie.