Nova

A Xunta destina preto de 45.000 euros aos proxectos de rexeneración marisqueira das confrarías de Pontedeume, Mugardos, Ferrol e Barallobre

1 de 5
2 de 5
3 de 5
4 de 5
5 de 5

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ás inmediacións do paseo marítimo de Pontedeume onde a confraría desenvolve as tarefas de semente na zona dos Moteis

Estas axudas permitirán a semente de 2,5 millóns de unidades de ameixa nos bancos marisqueiros das rías de Ferrol e Pontedeume

Pontedeume (A Coruña), 20 de novembro de 2024

A Xunta destina este ano 44.987 euros en axudas a tres proxectos de rexeneración marisqueira das confrarías de Pontedeume, Mugardos e Ferrol e Barallobre (Fene) que permitirán a semente de 2,5 millóns de unidades de ameixa nos diferentes bancos marisqueiros das rías de Ferrol e Pontedeume. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou esta mañá xunto ao alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández e o patrón maior da confraría, Santiago Salgado, unha visita aos traballos que se están a acometer nas inmediacións do paseo marítimo da localidade con cargo a unha achega autonómica de 14.998 euros.

O pósito está a sementar estes días máis de 781.000 unidades de ameixa, preto de 370.000 unidades da especie babosa na zona dos Moteis e Ponte de Pedra e outras 411.000 unidades de ameixa xaponesa en Croa Grande.

Tal e como indicou a delegada territorial, estas axudas da Consellería do Mar para a adquisición de semente de ameixa teñen o obxectivo de mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción co obxectivo de contribuír a unha mellora da xestión e conservación sustentable dos recursos mariños.

Tamén resultaron beneficiarias desta orde de axudas que contou este ano cun orzamento de 300.000 euros, as confrarías de Mugardos (14.995 euros) e as de Ferrol e Barallobre (Fene) que percibiron unha achega conxunta de 14.994 euros.

No caso de Mugardos, a axuda está destinada á sementeira de 882.350 unidades de ameixa xaponesa na zona da Barca; mentres que Ferrol e Barallobre sementarán 882.000 unidades de ameixa tamén xaponesa para a rexeneración dos bancos marisqueiros da enseada de Caranza e do dique de Navantia Fene.

Galicia Sabe Amar

Con anterioridade, a delegada territorial visitou no CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro da Capela a foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR coa que a Consellería do Mar está a promover o consumo de peixes e mariscos á vez que divulga os beneficios que o consumo destes alimentos ten para a saúde.

Esta campaña, que naceu no verán de 2021 para animar á cidadanía a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo, reedítase este ano por medio destas degustacións itinerantes -hai catro foodtrucks- que percorrerán distintos municipios da xeografía galega.

Imaxes relacionadas