Nova
'Galicia sabe AMAR' promociona os produtos pesqueiros galegos na XV Edición do Ciclocross Concello de Cambre
O conselleiro do Mar destacou que, ao igual que a práctica regular de deporte, o consumo de peixe e marisco é sinónimo de saúde e benestar
Cambre (A Coruña), 23 de novembro do 2024
A Consellería do Mar continúa promocionando os produtos pesqueiros galegos por todo o territorio da comunidade coa campaña GALICIA SABE AMAR. Así, unha das foodtrucks estivo hoxe no Campo de Fútbol Dani Mallo, no concello coruñés de Cambre, para repartir saborosos petiscos entre os máis de 250 participantes na XV edición do Ciclocross que acolle este municipio a onde se achegou tamén o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
Alí o responsable autonómico subliñou a importancia de que a cidadanía teña bos hábitos alimenticios que, xunto a práctica regular de deporte, é sinónimo de benestar e calidade de vida. Nesta liña, resaltou a importancia de reverter a tendencia de descenso de consumo de peixe e marisco dos últimos anos xa que son alimentos que contan con propiedades nutritivas excepcionais, como os ácidos graxos Omega 3 e practicamente todos os minerais precisos para unha alimentación completa e saudable.
O titular de Mar puxo en valor esta iniciativa que, ademais de fomentar o consumo dos produtos pesqueiros na cesta da compra dos galegos, tamén contribúe a divulgar a súa excelente calidade, reforzando á vez a un sector estratéxico para a economía galega que representa preto do 5% do PIB e do que dependen ao redor de 50.000 empregos. Unha liña de traballo na que se afonda nos Orzamentos do 2025 mobilizando máis de 20 millóns de euros, un 75% máis que no 2023, para campañas de promoción, a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros e acuícolas e ao estudo de patróns e tendencias de consumos.