Nova
Os produtos pesqueiros galegos son os mellores aliados na prevención de afeccións cardiovasculares
A Coruña, 23 de novembro de 2024
A lonxa da Coruña acolleu hoxe un relatorio do cardiólogo do Hospital Universitario de Coruña (Chuac), Guillermo Aldama, membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón quen revelou aos asistentes os beneficios que reporta a inxesta de productos mariños á saúde, especialmente á cardiovascular. Entre os asistentes estivo o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, cuxo departamento leva tempo traballando na promoción dos peixes e mariscos galegos entre a cidadanía como un piar fundamental da dieta atlántica, e da nosa gastronomía que ademais é sinónimo de saúde e benestar.
Nun contexto de descenso progresivo do consumo destes alimentos, desde a Xunta se continúa traballando en reverter esta tendencia, non só polo peso do sector pesqueiro na economía da comunidade, onde representa ao redor do 5% PIB e do que dependen 50.000 empregos, senón que tamén polo impacto positivo destes alimentos na calidade de vida do consumidor grazas á alta presenza de ácidos graxos Omega3, minerais e vitaminas que os sitúa como superalimentos e imprescindibles dentro dunha dieta equilibrada e saudable. O evento, organizado pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (Fremss), foi pechado por unha degustación de elaborados con peixe e marisco que se comercializada na rula coruñesa da man do alumnado do Centro de Hostalaría Álvaro Cunqueiro.