Nova
O Galp Ría de Pontevedra apoia a creación dun centro de innovación e elaboración de novos produtos con peixe e marisco das ría galegas
A iniciativa, baixo o nome de Salmoira, procura o aumento do valor engadidos dos produtos do mar, a creación de emprego de calidade e promoción da innovación en todas as fases da cadea de produción e subministro dos produtos da pesca
Pontevedra, 26 de novembro de 2024
Hoxe botou a andar o proxecto Salmoira, cofinanciado polo Galp Ría de Pontevedra, para a creación dun centro de innovación, elaboración e de investigación de novas preparacións con técnicas tradicionais de conservación de peixe – salazón, afumado e escabechado – aplicados a especies de peixes e mariscos procedentes do sector pesqueiro local. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, participou no acto de inauguración da boutique gastronómica deseñada dentro desta iniciativa para ter experiencias gastronómicas en torno ao mar, nunha estratexia de Turismo Gastronómico Mariñeiro.
A directora xeral puxo en valor este proxecto emprendedor que vén de recibir varios recoñecementos como empresa startup premiada nos Premios á Iniciativa Empresarial Smartpeme, Fanvest (Economía Azul ) e Gastro Movida. Tamén salientou o papel dos Galp no apoio a iniciativas emprendedoras que contribúen a diversificar as economías costeiras e facer da innovación un piar fundamental para afondar no valor engadido dos produtos pesqueiros galegos.
Esta iniciativa, beneficiaria dunha axuda de preto de 17 mil euros, supuxo un investimento de máis de 53 mil euros para a posta en marcha dun espazo para as experiencias gastronómicas e catas baseadas nestes produtos, que se acaba de abrir, e dun obradoiro e laboratorio I+D+i en alimentación. Ademais, con este proxecto tamén promóvese a humanización da contorna da Confraría de Pescadores de San Telmo, en Pontevedra, e á recuperación dun barrio cunha importante historia gastronómica.