Nova
A Xunta pon en valor o patrimonio e a cultura mariñeira da ría de Camariñas co Miradoiro do Sapo
Para a súa posta en marcha, a administración autonómica achegou ao GALP Costa da Morte preto de 94.000 euros, que tamén permitiron outra serie de actividades divulgativas do acervo marítimo da zona
Este GALP leva desenvolvidos 57 proxectos para os que recibiu 5,3M€, contribuíndo á creación de 30 empregos a tempo completo
Merelles destaca o aproveitamento turístico de espazos de gran valor desta zona, na que a porcentaxe visitantes de xaneiro a outubro aumentou un 6,3%
Vimianzo (A Coruña), 29 de novembro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este venres na inauguración do miradoiro Furna do Sapo, situado na parroquia de Cereixo, en Camariñas, e cuxo proxecto se enmarca dentro da actuación que desenvolve o Grupo de Acción Local (GALP) Cosa da Morte, no marco das axudas que recibe do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
Deste xeito, segundo destacou Villares, a colaboración da Consellería do Mar, permitiu a construción desta dotación que contribúe a poñer en valor o patrimonio medioambiental da ría de Camariñas, atendendo a criterios de sustentabilidade e de valorización da cultura inmaterial pesqueira galega.
O novo espazo de uso público atópase preto do Camiño de Santiago e da Ruta Interpretativa de Cereixo. As previsións é que sexa usado por unhas 3.000 persoas ao ano, ademais de ser xa un dos puntos sinalados no mapa do Destino Startlight da Costa da Morte. Sitúase sobre a ría de Camariñas, coa desembocadura do río Grande, formando a ría, nun primeiro termo, e cos montes e ribeiras á vista de Cereixo, Muxía, A Ponte do Porto, Xaviña e Camariñas.
Para a súa posta en marcha, a administración autonómica achegou preto de 94.000 euros, que tamén permitiron outra serie de actuacións divulgativas do acervo mariñeiro como elemento de identidade e de autenticidade de Vimianzo, e como son a instalación dun panel interpretativo con código QR que deriva á web para informar desta zona con referencias á historia; ao medio ambiente, á fauna, flora, xeografía e xeoloxía do lugar; ou a características socio etnográficas. Tamén se elaboraron guías didácticas para visitas escolares e se desenvolveron obradoiros divulgativos en centros educativos e para colectivos.
GALP Costa da Morte
Este Grupo de Acción Local aglutina a un total de 51 entidades sociais, das que o 21,6% corresponden ao sector pesqueiro, o 41,2% ao social, o 17,6% ao público e o 19,6% ao sector económico. Está integrado por nove concellos: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.
Dende a súa creación desenvolveu un total de 57 proxectos, para os que recibiu 5,3 millóns de euros que tamén permitiron a creación de 30 empregos a tempo completo. Datos que, en palabras de Villares, reflicten a excelente contribución destes entes na protección, difusión e salvagarda dos importantes recursos da Galicia costeira, en consonancia cos obxectivos do Plan de Cultura Marítima de Galicia. Horizonte 2030 e na Estratexia a Economía Azul recentemente aprobada.
Aproveitamento turístico
O acto inaugural contou coa asistencia do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen destacou o aproveitamento turístico de espazos de gran valor paisaxístico como é o caso deste miradoiro, que se suma aos atractivos da oferta deste territorio. Neste sentido, subliñou o incremento no número de visitantes á Costa da Morte de xaneiro a outubro deste ano, un 6,3% máis, pero sobre todo, o turismo internacional que creceu o 19,5%.
“O turismo estase a converter nun auténtico dinamizador económico do rural”, engadiu ao tempo que animou a sumar novas experiencias e programas relacionados coas potencialidades e recursos de cada zona, para así, ofrecer ao visitante unha experiencia auténtica baseada no propio territorio.