Nova

Alfonso Villares enxalza o bo facer e calidade que hai detrás dos produtos do mar galegos levando a campaña Galicia sabe AMar á Casa de Galicia de Madrid

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

O responsable autonómico resalta o recoñecemento que teñen o peixe e marisco procedente da comunidade en toda España e sinala a importancia de fomentar o seu consumo 

A iniciativa promovida pola Consellería do Mar ten previsto realizar 1.400 degustacións ata outubro de 2025 a través de catro foodtrucks que ofrecen saborosos petiscos durante a súa estancia en eventos deportivos, culturais ou centros de ensino

A institución autonómica tamén acolle a exposición pescArte, cunha ampla colección de maquetas de artes de pesca, e a artesanía elaborada polo proxecto Enredadas, baixo a coordinación da Fundación Pública Artesanía de Galicia

Madrid, 4 de decembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presentou este mércores a campaña GALICIA SABE AMAR na Casa de Galicia de Madrid, onde enxalzou o bo facer, experiencia e profesionalidade da xente do mar de Galicia así como a calidade e sabor dos produtos pesqueiros procedentes da comunidade. Dous aspectos que trata de promocionar esta iniciativa da Consellería do Mar que iniciou unha nova edición o pasado mes de agosto.

Esta acción, cuxa primeira edición tivo lugar no 2021, continúa renovándose co compromiso de achegar aos consumidores os beneficios nutricionais do consumo dos produtos do mar, así como a por en valor a importancia socioeconómica do sector, a través da xestión sostible dos recursos e de garantir a trazabilidade e a seguridade alimentaria. Só na última edición se visitaron 762 concellos de toda España, onde se repartiron 792.000 petiscos con máis de 22.700 quilos de produtos do mar.

Así, a campaña ten previsto percorrer os núcleos de máis de 1.000 habitantes e estar presente en eventos deportivos, culturais, festas gastronómicas ou centros de ensino ata outubro do 2025 realizando un total de 1.400 degustacións a través de catro foodtrucks repartidas por todo o territorio da comunidade. O obxectivo é chegar tanto a maiores como á mocidade, na súa calidade de consumidores do mañá, promocionando as propiedades gastronómicas dos alimentos mariños e inculcando hábitos alimenticios saudables.

O responsable autonómico, acompañado polo director da sede institucional da Xunta na capital de España, Luis Ramos, puxo en valor o recoñecemento que teñen o peixe e marisco galegos en toda España e destacou a importancia de fomentar o seu consumo como sinónimo de benestar e calidade de vida nun contexto de progresivo descenso da presenza destes produtos na cesta da compra da cidadanía. Nesta liña, Villares situou á Casa de Galicia como un espazo excepcional onde divulgar máis alá das fronteiras da comunidade, e ao longo do mes de decembro, a riqueza cultural, patrimonial e gastronómica vencellada ao mar.

Programación

Precisamente, a campaña da Consellería englóbase no marco da programación de actos de homenaxe a este sector que impulsa o organismo autonómico baixo a denominación de La mar de buena. Galicia, e que inclúe outras actividades como a exposición pescARTE de artes de pesca en miniatura elaboradas polo patrón maior da Confraría de Pescadores de Bueu, José Manuel Rosas, nas que fai un percorrido histórico da súa evolución como elementos fundamentais da actividade pesqueira.

Tamén estará presente a artesanía da man do proxecto Enredadas, deseñado e coordinado pola Fundación Pública de Artesanía de Galicia, galardoado co Premio Promociona para entidades públicas nos XI Premios Nacionais de Artesanía do 2016 como exemplo de boas prácticas. Esta iniciativa supuxo a xeración de ingresos adicionais para as redeiras mediante a creación de novas liñas de complementos e bixutería así como a colaboración con deseñadores no deseño de novos produtos. O programa tamén recolla a presentación do libro La proteína azul de Ernesto Penas, do selo Azul de Portosín ou da OPP-7 Porto de Burela.

Imaxes relacionadas