Nova
Villares destaca a Festa do Marisco da ría do Barqueiro como referente na exaltación da calidade dos produtos marítimo-pesqueiros
Sitúa o evento gastronómico, que este ano chega á trixésimo cuarta edición, como un referente na exaltación da calidade dos produtos que saen desta ría
Anima aos asistentes a consumir peixe e marisco galego como parte esencial na salubridade e na economía galega
Mañón (A Coruña), 7 de decembro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca a aposta da Xunta por impulsar a actividade marítimo-pesqueira do Barqueiro con achegas superiores aos 1,7 millóns de euros nos últimos anos. Así o puxo en valor na XXXIV Festa do Marisco, cuxo pregoeiro desta edición foi o historiador e actor Suso Martínez.
No transcurso do encontro, o responsable autonómico subliñou o valor e a calidade dos produtos que saen desta ría, así como o seu aporte proteico na dieta alimentaria. Por este motivo, non dubidou en animar aos asistentes a consumir peixe e marisco galego como parte esencial na salubridade e na economía da comunidade.
Deste xeito, durante dous días, este evento fai do lugar un verdadeiro referente no ámbito da gastronomía galega, grazas ao traballo e dedicación de veciños, da Agrupación de Mariscadoras ou Confraría de Pescadores de O Barqueiro-Bares.
No ano 1989 celebrouse a primeira edición deste evento, sendo tan só suspendida nos anos 2020 e 2021 pola pandemia. Xurdiu como unha iniciativa municipal de tipo gastronómico, cultural e turístico. A finalidade era facer unha actividade que puxera en valor tanto os produtos da ría e os da costa, como elementos dinamizadores da economía local; obxectivo que foi destacado e enxalzado por Alfonso Villares.