Nova
Villares apela á responsabilidade do Goberno para reformular a proposta do ICES que recorta as capturas de especies de gran interese para a frota galega
Consciente de que son horas decisivas para a actividade marítimo-pesqueira, pois o acordo do ano pasado foi prexudicial para o sector, insiste nun reparto máis equilibrado e equitativo, xa que o fin último debe ser garantir a súa competitividade e facer cumprir a sentenza do Tribunal de Xustiza europeo
Bruxelas, 9 de decembro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, apela á responsabilidade do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para conseguir unha reformulación da proposta plantexada polo Consello Internacional para a Explotación do Mar (ICES), que inclúe importantes rebaixas nos límites de capturas da pescada, do xurelo ou da xarda. Así, no primeiro caso, se se mantén o recorte previsto polo ICES, situado nun 28%, suporía unha perda de ingresos de 73,9 millóns de euros para a economía galega.
Trátase segundo apunta de que a negociación sexa máis satisfactoria que a acadada o ano pasado. Neste senso, dende a Xunta avógase por non prestar aprobación aos acordos da Unión Europea co Reino Unido pola pescada e con Noruega pola xarda. Asemade, considérase incoherente que o TAC do abadexo se corrixa para 2024 en base á sentenza da Tribunal de Xustiza da Unión Europea e se volva propor un recorte para 2025 só cos datos biolóxicos.
Deste xeito, Villares amosa un compromiso claro coas necesidades do sector pesqueiro e faino consciente de que son horas decisivas para cambiar o modelo de xestión mantivo ata o de agora, e que, no caso de Galicia, non é equilibrado, nin equitativo. Trátase, en definitiva, segundo afirma, de garantir a súa competitividade, dende unha perspectiva sostible medioambiental e económica.