Nova
Galicia e a Bretaña francesa afianzan relacións e estudan accións conxuntas en defensa e valorización da actividade pesqueira europea
Villares e Cueff acordaron traballar na elaboración dun memorando de entendemento no que poñer as bases para a colaboración en materia formativa
O conselleiro mantivo desde o luns encontros informais con responsables comunitarios, do sector, doutras rexións, e puido intercambiar impresións co ministro Planas sobre a evolución das negociacións
Bruxelas, 10 de decembro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, continúa desenvolvendo unha axenda de contactos en Bruxelas con motivo das negociacións de TAC e cotas para o ano 2025 no Consello de Agricultura e Pesca co obxectivo de mellorar as posibilidades de pesca de cara ao vindeiro ano para a frota galega. Así, hoxe mantivo un encontro coa delegación de Bretaña, encabezada polo vicepresidente de Mar e Litoral, Daniel Cueff, con quen analizou a situación de partida da actividade pesqueira comunitaria neste novo mandato e estudaron ámbitos onde desenvolver accións conxuntas.
O titular de Mar resaltou os intereses comúns de ambas rexións marítimas europeas e atlánticas e reivindicou as alianzas entre as comunidades costeiras como unha ferramenta máis coa que influír nas políticas comunitarias en defensa dun sector estratéxico no ámbito económico pero tamén como piar para garantir soberanía alimentaria do continente e afianzar o consumo de peixe compartindo experiencias que se levan a cabo nas dúas rexións, especialmente orientadas a escolares e adolescentes poñendo o foco nos beneficios para a saúde como fórmula do éxito.
Tamén compartiron a importancia da formación como elemento esencial para atender a necesaria remuda xeracional na actividade pesqueira e buscar ferramentas que poidan desenrolar proxectos comúns, coma intercambios entre alumnado das rexións. O responsable bretón trasladou a súa vontade de visitar Galicia na vindeira primavera para continuar afianzando nas relacións bilaterais e liñas de colaboración, así coma coñecer de cerca os proxectos que se realizan dende o Cetmar ou o modelo de xestión que impera nas lonxas galegas. Ambos mandatarios acordaron a posibilidade de redactar un memorando de entendemento que recolla as diferentes propostas que favorezan o crecemento de ambos territorios coma punto de partida.
O responsable autonómico, acompañado do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e a directora do centro Tecnolóxico do Mar – Fundación Cetmar, Rosa Chapela, continuou coa intensa axenda de encontros informais con responsables comunitarios, do sector e doutras rexións co obxectivo de avaliar e seguir con atención os avances nas negociacións que se están a producir entre os ministros de Pesca dos Estados membros e a Comisión.
Nesta liña, insistiu na importancia de ofrecer certezas e estabilidade ao sector e reclamou que se cuantifique o impacto socioeconómico de calquera recorte antes de aplicalo e resaltou que estes informes deben pesar tanto, ou máis, que os científicos en cumprimento da propia Política Pesqueira Común (PPC) e en liña coa propia sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do pasado mes de xaneiro. Así, sinalou que doutro xeito se repetirán erros do pasado facendo un dano innecesario a un sector fundamental para Galicia e cun indiscutible compromiso coa sustentabilidade da súa actividade.