Nova

Villares destaca o compromiso de ARVI ao longo dos seus 60 anos de existencia para converter a Vigo na capital europea da pesca

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Apunta que o esforzo das organizacións, asociacións e traballadores que a integran foi decisivo para situarse na vangarda da competitividade

Traslada a vontade do Goberno galego de seguir colaborando con esta entidade para consolidar a actividade pesqueira no baluarte da economía da comunidade, liderada por un sector unido, forte, representativo e internacional

ARVI conta con 240 socios e 380 barcos, constituíndose como o grupo de armadores de buques máis importantes de España e un dos máis relevantes da Unión Europea

Vigo, 12 de decembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca o compromiso da Cooperativa de Armadores de Pesca de Vigo (ARVI) ao longo dos seus 60 anos de existencia para converter á cidade olívica na capital europea do sector marítimo-pesqueiro. Así o puxo en valor no almorzo organizado pola entidade, co gallo do seu sesaxésimo aniversario, e no que apuntou que o esforzo das organizacións, asociacións e traballadores que a integran foi decisivo para situarse na vangarda da competitividade.

O responsable autonómico trasladou así a vontade do Goberno galego para seguir colaborando no obxectivo de situar a actividade pesqueira no baluarte da economía da comunidade, liderada por un sector unido; forte, cun amplo tecido asociativo; representativo, ao formar parte das principais entidades e institucións pesqueiras de carácter nacional e europeo, como Cepesca, Blue Fish ou Europëche; e internacional, ao ser o grupo de armadores de buques máis importantes de España e un dos máis relevantes da Unión Europea.

Este apoio da Consellería que dirixe Villares permitiu o desenvolvemento de destacadas e prestixiosas iniciativas como a Conferencia Internacional sobre o futuro da pesca, que no ano 2025 celebrará a súa décimo segunda edición, ou o Festival ARVI do Peixe-Vigo Sea Fest, que no vindeiro exercicio alcanzará o sexto aniversario; dous proxectos para os que Mar dirixe 850.000 euros.

Máis de 200 socios

Arvi é unha entidade que acompaña ao sector no tempo, e sempre cun enfoque innovador, sostible e responsable. Tal é así que, na actualidade, está a ser clave no asesoramento ás empresas asociadas para facilitar que desenvolvan a súa actividade.

A súa constitución data de decembro de 1964 e xurde co fin de mellorar a situación socioeconómica dos seus integrantes. Hoxe en día conta con 140 socios e a súa frota está composta de 180 barcos; aos que hai engadir dez asociacións e dúas organizacións de produtores con personalidade xurídica e actividade separada que comparten sede e domicilio social no Porto de Vigo, polo que a suma agregada de todas as organizacións alcanza os 240 socios e as 380 embarcacións.

Imaxes relacionadas