Nova
A Xunta destinou en 2024 máis de 57 M€ á sostibilidade do sector marisqueiro
A directora xeral adianta que as axudas á rexeneración dos bancos marisqueiros do vindeiro ano estarán a disposición do sector no mes de xaneiro para seguir avanzando no desenvolvemento do Plan de Competitividade e Sostibilidade
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024
A Xunta de Galicia destinou no que vai de ano á sostibilidade do sector marisqueiro máis de 57 millóns de euros; ademais dos máis de catro millóns achegados para a posta en marcha das distintas liñas de investigación da resiliencia da actividade produtora. Así o explicou en sede parlamentaria a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, quen deu conta, ademais, de que dende 2023 só á rexeneración e conservación da biodiversidade dos bancos se levan dirixidos dende a Consellería do Mar 10.650.000 euros. Neste caso, as zonas que máis apoio económico tiveron a estes efectos foron as Rías de Arousa e de Vigo con máis de 4 e 1,7 millóns, respectivamente; e A Costa da Morte, con case 1,2 millóns de euros.
Trátase dun esforzo inversor que se suma ao resto de axudas que reciben de xeito directo as mariscadores e mariscadores e as entidades, e para equipacións e infraestruturas portuarias, recollida de lixo ou formación, e que está a dar os seus froitos. Os datos trasladados dende diversas entidades que se están atopando respecto dos bancos marisqueiros amosan un recrutamento salientable; o que demostra que todo o traballo que se está levando a cabo está axudando á súa recuperación e que, se as condicións medioambientais e outros factores exóxenos o permiten, se leva un absoluto respecto no control das tallas mínimas no desenvolvemento da actividade destes bancos, co fin de que ese stock de reclutas consiga acadar a talla comercial e, por tanto, que o sector acade unha maior rendibilidade económica.
Neste senso, e co fin de seguir apoiando ao sector, Marta Villaverde adiantou que diversas axudas para o vindeiro 2025, que se tramitaron anticipadamente, entre as que destacan as destinadas á rexeneración dos bancos marisqueiros, xa están listas, de xeito que, nada mais comece o próximo ano, estarán a disposición para que poidan ser solicitadas e, deste xeito, seguir avanzando no desenvolvemento do Plan de Competitividade e Sostibilidade, que ten como finalidade recuperar a produtividade dos bancos, a sostibilidade desta actividade tradicional e a rendibilidade do colectivo.
Asemade, a directora xeral puntualizou que o contacto cos representantes sectoriais é constante. O obxectivo, analizar a complicada situación actual e dar continuidade a un traballo que está destinado á protección, á conservación e á rexeneración dos recursos mariños e dos seus ecosistemas á vez que se busca garantir unha explotación responsable, equilibrada e sostible dos devanditos recursos mariños, enfocando esa sostibilidade sempre desde as tres vertentes: a medioambiental, a económica e a social.
E para acadar eses fins, no ámbito do marisqueo, destacan dúas liñas de traballo fundamentais: a total aplicación do Decreto 153/2019, no marco do que se aproban Os Plans de xestión marisqueira e o Plan de Competitividade e sostibilidade do Marisqueo en Galicia, que tamén reforza o labor do Intecmar, do CIMA e de Gardacostas, así como a colaboración entre o sector pesqueiro e organismos científicos (Redemar).