Nova

A Xunta de Galicia remite ao concello de Cambados o Plan Especial do porto para a súa aprobación definitiva

Santiago, 23 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia, vén de remitir ao Concello de Cambados o informe favorable ao Plan Especial dos portos de Santo Tomé e Tragove. Este documento permitirá a aprobación definitiva do Plan Especial por parte da administración local, tal como require a normativa ao respecto. 

O informe previo ao Plan Especial de Cambados foi ratificado a pasada semana polo Consello Reitor de Portos de Galicia. Este documento permite avanzar na ordenación do solo portuario de ambas instalacións portuarias do municipio de Cambados e planificar a distribución das actividades que acollen. 

Tal como quedou de manifesto no Consello Reitor de Portos de Galicia, este documento recolle os cambios derivados dos informes sectoriais recibidos na propia tramitación do plan coas diferentes administracións desde a súa aprobación inicial en 2022. Unha vez integradas as indicacións remitidas polos organismos competentes, Portos de Galicia deu luz verde ao documento e remitiuno ao Concello para a súa aprobación definitiva en pleno municipal.