Nova

A Xunta mellora as condicións de traballo e a seguridade da confraría de pescadores de Caión

1 de 5
2 de 5
3 de 5
4 de 5
5 de 5

Esta actuación, financiada polo Goberno galego, dá continuidade ao apoio da Consellería do Mar con esta entidade para impulsar a actividade marítima local

O conselleiro adianta que o vindeiro ano Portos de Galicia rematará o estudo de estabilidade da zona portuaria, que conta cun investimento de 600.000 euros

O responsable autonómico destaca os cen anos desta Confraría como organización clave na identidade e cohesión social da vila

A Laracha (A Coruña), 23 de decembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, inaugurou este luns o guindastre do porto de Caión, que foi financiado pola Administración autonómica co fin de mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais do mesmo. Deste xeito, con esta actuación, segundo expuxo o responsable do departamento galego, tamén se contribúe a garantir a sustentabilidade económica-financieira das familias mariñeiras, ao tempo que se fomenta a competitividade e a viabilidade das empresas pesqueiras, ao non ter que abandonar o porto base cando fai mal tempo, co perigo e o custo que isto conleva.

Durante este acto, incluído nos actos do centenario da Confraría, Villares recoñeceu publicamente o labor que esta entidade desempeña na vila e na súa contorna. De feito, o conselleiro adiantou que a aposta do Goberno galego é decidida coa actividade marítimo-pesqueira que xera. Así en 2025 está previsto que Portos de Galicia remate do estudo de estabilidade da zona portuaria; proxecto que conta cun investimento de 600.000 euros.

Trátase, por tanto, de iniciativas que dan continuidade ao apoio económico que vén mantendo a Consellería con este pósito, e que permitiron tamén a creación do Arquivo de Pesca para a recuperación e posta en valor da cultura mariñeira da zona, ademais de valorizar e dignificar o oficio dos pescadores, fomentando o turismo cultural e etnográfico.

Entidade clave na identidade e cohesión social da vila

A Confraría, fundada o 5 de xuño de 1924, cumpre así un século de servizo e de apoio ao sector pesqueiro e á comunidade local. Os actos de conmemoración do seu centenario incluíron, ademais da inauguración do guindastre do porto, un coloquio no que participaron o seu presidente, Héctor Morgade, o alcalde de A Laracha, José Manuel López Varela, o historiador local Marcos Amado, e distintas persoas vinculadas ao sector pesqueiro. O obxectivo da súa celebración, por en valor os fitos do pósito e destacar o seu papel na mellora do porto e as infraestruturas locais durante o século pasado.

Ao remate do mesmo, inaugurouse a exposición 100 anos de historia da Confraría de Caión, que recolle fotografías e paneis informativos sobre a historia da vila, os seus habitantes e a actividade pesqueira. A mostra permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro.

Imaxes relacionadas