Nova
Villares pon en valor os investimentos na lonxa de Muros ao abeiro das axudas para equipamentos portuarios da Xunta que superaron os 360 mil euros
As actuacións consistiron na adquisición dunha máquina de xeo compacta, unha carretilla elevadora, novos equipos de pesaxe, mesas e palets para a clasificación e exposición do produto así como unha fregadora aspiradora
Este ano esta prevista a instalación dun silo orbital de xeo que substituirá o actual de peines o que suporá un importante aforro económico á confraría en reparacións e custes enerxéticos
O titular de Mar anunciou que este ano darase continuidade a estes apoios autonómicos coa publicación da nova orde de axudas dotada con 9 millóns de euros
Muros (A Coruña), 8 de xaneiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, fixo unha visita á lonxa de Muros onde para coñecer a execución dos investimentos realizados na instalación ao abeiro das axudas autonómicas destinadas á modernización das infraestruturas e equipamentos portuarios. No caso da rula muradán as actuacións consistiron na adquisición dunha carretilla elevadora, unha nova máquina de xeo, novos equipos de pesaxe, mesas e palets para a clasificación e exposición do produto Así como unha fregadora aspiradora.
Ademais, este ano está prevista a instalación dun silo orbital de xeo, en substitución do actual de peines que dada a súa antigüidade e características técnicas supoñía elevados costes en reparacións e enerxía. Este actuación permitirá garantir o abastecemento de xeo aos usuarios, facilitando a conservación dos produtos da pesca en óptimas condicións para a súa comercialización.
O responsable autonómico puxo en valor o impacto destes apoios na competitividade e sustentabilidade do sector pesqueiro e que se viu reflectido no elevado número de proxectos colectivos presentados na última convocatoria. Así, recordou que co obxectivo de atender todas as solicitudes, ampliouse o crédito en case 3,4 millóns de euros o que fixo posible financiar 47 proxectos, entre os que destacan os dirixidos a mellorar a trazabilidade dos produtos desembarcados que representan o 38% e os destinados a mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras que representan o 36% dos proxectos.
Alfonso Villares anunciou que o Goberno galego dará continuidade a estas axudas coa publicación dunha nova convocatoria ao longo deste mes de xaneiro que mobilizarán 9 millóns de euros. Unha cifra, dixo o responsable autonómico, que demostra con feitos o compromiso da Xunta na tarefa de un sistema portuario pesqueiro máis eficaz economicamente, tecnoloxicamente avanzado, socialmente integrador, enerxeticamente eficiente e que contribúa á neutralidade climática.