Nova

Villares destaca a excelencia do peixe e marisco das rías galegas que son recoñecidos nos mercados máis exixentes pola súa calidade e sabor

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O titular de Mar puxo en valor a despensa atlántica como a mellor fonte de benestar grazas a uns produtos nutritivos con propiedades excepcionais cuxo consumo é esencial para previr múltiples doenzas

Tamén sinalou as xornadas promovidas por Artesa como modelo de promoción e divulgación dos produtos da pesca galega que permiten afondar na súa valorización por parte de empresas e consumidores

Barro (Pontevedra), 13 de xaneiro de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe nas Xornadas de Degustación de Artesa Despensa Atlántica nas instalación desta empresa no polígono industrial, no municipio pontevedrés de Barro, no que participaron 15 empresas provedoras. O responsable autonómico destacou no evento a excelencia do peixe e marisco das rías galegas que son recoñecidos nos mercados máis exixentes pola súa calidade e sabor.

Nesta liña, o titular de Mar puxo en valor a despensa atlántica como a mellor fonte natural de benestar sustentada nuns produtos nutritivos que contan cunhas propiedades excepcionais e cuxo consumo regular é esencial para previr múltiples doenzas. Un exemplo son os ácidos graxos omega 3, moi presentes no peixe, e que xogan un papel moi importante ante enfermidades cardiovasculares ou desordes inflamatorios, ademais de favorecer a secreción de serotonina e dopamina, hormonas que combaten a depresión.

Neste contexto, Alfonso Villares valorou moi positivamente a organización destas xornadas por parte de Artesa e as sinalou como modelo de promoción e divulgación dos produtos da pesca galega que contribúen a afondar na súa valorización por parte de empresas e consumidores. Unha liña de traballo na que tamén está as Consellería do Mar con iniciativas como a campaña GALICIA SABE AMAR que leva desde o pasado mes de agosto percorrendo todo o territorio galego a través de catro foodtrucks.

Empresa referente

O conselleiro puxo en valor a traxectoria da empresa promotora da cita, que iniciou a súa andadura na comercialización de produtos do mar no ano 2007, e o seu compromiso por levar o mellor produto das lonxas galegas ao seus clientes garantindo a súa rastrexabilidade en todo o proceso. Así, todos os seus produtos están certificados polo selo PescadeRías, de onde son? que garante que é peixe e marisco procedente da pesca artesanal, selectiva, sostible e responsable.

Imaxes relacionadas