Nova
A Xunta urxe ao Miteco que autorice un punto de depósito de áridos para desbloquear a dragaxe do Lérez, tras medio ano á espera de resposta
Portos de Galicia respondeu no mes de xullo a unha nova solicitude de documentación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica para informar favorablemente a zona de vertido do material dragado pero segue sen recibir luz verde para iniciar a tramitación ambiental e licitación da obra
Os orzamentos do Goberno galego comprometen unha partida plurianual de 3 millóns de euros para a actuación que permitirá recuperar calado na bocana da ría de Pontevedra
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2025
A Xunta de Galicia urxe ao Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) que autorice un punto de depósito de áridos que permita desbloquear a tramitación das obras de dragaxe do río Lerez e a bocana da ría de Pontevedra, logo de seis meses á espera de resposta. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, remitiu o pasado mes de xullo nova documentación requerida polo Ministerio logo dun primeiro envío que o MITECO obrigou a complementar con novos datos. Porén, a día de hoxe o ente público non ten recibido aínda informe do Goberno central que permita iniciar a tramitación ambiental e posterior licitación das obras.
Neste sentido, a Xunta lembra que o Ministerio de Transición Ecolóxica decidiu en 2021 non autorizar máis verteduras de áridos no punto exterior de Sálvora, autorizado para esta actividade durante as últimas dúas décadas. Esta obra paralizou todas as dragaxes do litoral galego ao sur de Muros. O Ministerio solicitou entón a Portos de Galicia un estudio de alternativas de novas zonas de depósito para poder retomar estas obras.
Tras o novo envío de documentación, corresponde agora ao Ministerio autorizar en base a ela un punto de depósito dos áridos que permita desbloquear a dragaxe do Lérez e as do resto da franxa sur da comunidade. A determinación do emprazamento dos áridos que se extraian do fondo mariño resulta necesaria para poder tramitar os permisos ambientais das obras dadas as garantía de respecto pola fauna e a flora da contorna que a lexislación esixe para as dragaxes.
Á espera de recibir canto antes a autorización que permita desbloquear o proxecto e continuar avanzando na súa tramitación, a Xunta de Galicia comprometeu nos seus orzamentos unha partida plurianual de 3 millóns de euros para a execución desta obra. As anualidades distribúense nos exercicios 2025, 2026 e 2027 en base aos prazos que contempla a lexislación para a tramitación ambiental e licitación dos traballos, sempre condicionados pola autorización por parte do Ministerio do punto de depósito de áridos.