Nova
A Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia reforzan a súa colaboración cun novo convenio dotado con case 250 mil euros no 2024
O conselleiro do Mar puxo en valor as accións recollidas no documento destinadas a mellorar a competitividade e internacionalización do sector alimentario vencellado aos produtos do mar
Tamén destacou o programa de formación directiva Competemar que ten como obxectivo impulsar o crecemento e a excelencia dos profesionais que integran as empresas así como reforzar ás súas habilidades directivas e de liderado
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asinou hoxe un novo convenio de colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) coa finalidade de coordinar accións que permitan afondar na mellora da competitividade do sector alimentario vencellado aos produtos do mar. Así, o Goberno galego incrementa a súa aportación nun 49% para financiación das actuacións en favor da comercialización dos produtos pesqueiros e que contan cun orzamento de preto de 250 mil euros.
O responsable autonómico explicou, desde a sede da entidade en Santiago de Compostela, que por un lado está previsto a realización dun estudo de internacionalización da industria alimentaria do mar co obxectivo de proporcionar unha visión integral da situación actual e do potencial de internacionalización do sector en Galicia, así como do resultado do impacto das accións de apoio que ven desenvolvendo a Consellería do Mar.
Ademais, o titular de Mar sinalou que este acordo recolle o desenvolvemento do programa Competemar Internacional coa finalidade de establecer un programa formativo para que as empresas podan dispoñer das ferramentas precisas para elaborar a súa propia estratexia de internacionalización e seleccionar os mercados aos que se orientará. Por outro lado, tamén recolle un programa de formación directiva co propósito de impulsar o crecemento, excelencia e liderado dos profesionais das empresas do sector.
Por último, o Competemar Taste Of The Sea que ten por obxectivo incrementar a visibilidade e o recoñecemento dos produtos do mar de Galicia nos mercados nacionais e internacionais así como promover o consumo de peixe e marisco galego a través de experiencias gastronómicas así como establecer relacións comerciais que potencien a exportación e presenza do produtos da comunidade en novos mercados.