Nova

A despensa galega da terra e do mar terá unha presenza destacada na próxima edición de Madrid Fusión a través da Xunta

As consellerías do Mar e do Medio Rural disporán neste foro dun espazo de 480 metros cadrados para a promoción do potencial gastronómico e alimentario de Galicia

Un total de 19 empresas coexpositoras terán cabida no espazo galego e haberá un completo programa con 14 showcookings, degustacións e presentacións de produtos galegos con calidade diferenciada da terra e o mar

Ademais, a Xunta pon en marcha o primeiro concurso  da “mellor empanada de Madrid Fusión by Galicia” promovido polas dúas consellerías e que seleccionará unha receita deste produto con ingredientes de calidade diferenciada da nosa comunidade

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2025

Galicia, a través da Xunta terá unha presencia destacada na 23ª edición de Madrid Fusión-Alimentos de España, un dos eventos gastronómicos mais importantes do mundo dedicado aos profesionais deste sector e que se celebrará na capital de España entre os días 27 e 29 de xaneiro próximos.

As consellerías do Mar e do Medio Rural -esta última por medio da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- disporán neste foro dun espazo de 480 metros cadrados para a promoción do potencial gastronómico e alimentario de Galicia, onde terán presenza 10 coexpositores de Medio Rural e nove de Mar. Ademais, na aula de catas compartida levarase a cabo un completo programa con 14 showcookings, degustacións e presentacións de produtos galegos con calidade diferenciada da terra e o mar.

O luns día 27 haberá unha gala de Madrid Fusión 2025 na real Casa de Correos, sede da Presidencia da Comunidade de Madrid, cunha asistencia aproximada de 450 persoas. Nese evento Galicia contará cunha mesa de degustación de produtos galegos de calidade diferenciada elaborados por un chef de prestixio elixido pola organización.

No espazo Wine Edition de Madrid Fusión o martes 28 ás 12:30 horas levarase a cabo unha cata de diferentes viños tintos galegos, entre eles os premiados na Cata dos Viños de Galicia 2024, que será conducida polo Master of Wine Fernando Mora, acompañado polo sumiller galego Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy. Realizarase un percorrido vitivinícola polas denominacións de orixe galegas para dar a coñecer os tesouros que se crean coas variedades tintas galegas a un auditorio de 50 profesionais do sector, e estará maridado con elaboracións culinarias de produtos galegos.

Ademais, a Xunta pon en marcha o  primeiro concurso  da “mellor empanada de Madrid Fusión by Galicia” promovido polas dúas consellerías e que seleccionará a mellor receita deste produto elaborada con ingredientes de calidade diferenciada do medio rural e do mar de Galicia. Será un concurso a nivel nacional e os participantes terán que elaborar a empanada a con produtos galegos do mar e da terra segundo listado publicado nas bases do concurso. Serán seis as receitas seleccionadas na fase final do concurso que se levará a cabo na Aula Polivalente de Madrid Fusión o mércores 29 ás 13:20 h.

A relación de empresas coexpositoras da Consellería do Medio Rural é a seguinte:

 

NOME

PRODUTO

CONCELLO

CIENPORCEL SL

Porco celta

Cenlle

BODEGAS  CASTELLUM AUGUSTI, SL

Viños IXP Barbanza-Iria

Valga

CUEVAS Y CIA SA

IXP Castaña de Galicia

Ourense

FIABLONE, SL

Embutido vegano ecolóxico

Nigrán

AVILUGO SRL

Avícola ecolóxico

Vilalba

QUEINAGA

Queixos DOP arzúa-Ulloa e

DOPQueixo Tetilla

Curtis

BODEGA LAGAR DA CACHADA, SL

Viños DO Rías Baixas

Cambados

BODEGA GIL ARMADA S.L.

Viños DO Rías Baixas

Cambados

ADEGA CONDES DE ALBAREI SAU

Viños DO Rías Baixas

Cambados

AGROCEBOLA SL

IXP Pataca de Galicia

Xinzo de Limia

 

 

As empresas coexpositoras da Consellería do Mar son:

RECIÉN PESCADO SL

ANFACO-CECOPESCA

ARTESA RIAS BAIXAS SL

EL PERCEBEIRO SL

CONSERVAS ARTESANAS GALLEGAS SL

MI PESCADO EN TU MESA SL

BACALAO OUTÓN SL

COFRADÍA PESCADORES SANTIAGO APOSTOL

HQ SEAWED SL