Nova

Villares asina un convenio de colaboración co CETGA para o estudo da supervivencia da ameixa xapónica e do berberecho en episodios de baixa salinidade

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O Goberno galego destina preto de 700 mil euros a este proxecto (Biorem) no que identificaranse as bacterias beneficiosa e prexudiciais, co fin de mellorar o estado sanitario do substrato no que se desenvolven

Esta iniciativa aposta por contribuír á mellora da resiliencia do marisqueo mediante a aplicación de medidas de acuicultura sostible, transformación e comercialización dos produtos contribuíndo, en paralelo, á seguridade á seguridade alimentaria

Alfonso Villares manifestou que Galicia está a vangarda no ámbito da investigación mariña e resaltou que na actualidade se está traballando en diferentes liñas de investigación co obxectivo de preservar o recurso e garantir o futuro da actividade marisqueira

Ribeira (A Coruña), 22 de xaneiro de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asinou hoxe un novo convenio de colaboración entre a Xunta e o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA) para o desenvolvemento dun proxecto para o estudo da supervivencia de bivalvos (ameixa xapónica e berberecho) mediante estratexias que illen e seleccionen cepas bacterianas con características probióticas asociadas ao seu cultivo e que poidan ser empregadas para desenvolver unha estratexia de biorremediación ambiental que incremente a súa resistencia ante episodios de baixa salinidade.

O responsable autonómico destacou que o Goberno galego destina a esta iniciativa de xeito plurianual preto de 700 mil euros que permitirán o desenvolvemento deste proxecto, denominado Biorem, coa finalidade de afondar no desenvolvemento dunha acuicultura sostible e que contribúe á seguridade alimentaria reforzando, ademais, a competitividade do sector. Segundo explicou, o coñecemento xerado poderá ser aplicado para o deseño de estratexias de biorremediación e mellora do estado sanitario, baseadas no uso das bacterias probióticas identificadas, que permitirán mellorar o estado do substrato no que se desenvolven.

O titular de Mar resaltou que este convenio procura facer fronte a un dos principais desafíos que enfronta o sector marisqueiro na actualidade, identificando as causas do descenso da produción e aplicando solucións biotecnolóxicas. Ademais, sinalou que esta acción súmase a outras liñas de traballo de investigación deseñadas xunto  co sector mediante un contacto permanente co obxectivo de garantir o futuro da actividade marisqueira, esencial para Galicia e fonte de riqueza e proveedora de alimentos polos mercados e consumidores pola súa calidade.

Alfonso Villares situou á comunidade na vangarda en investigación mariño e puxo en valor o traballo dos biólogos da Consellería para seguir afondando en solucións baseadas na ciencia que permitan garantir a preservación do recurso e o medio de vida das persoas mariscadoras e as súas familias.

Centro de referencia

Para a realización deste proxecto a Consellería do Mar alíase co CETGA que contará coa colaboración de dous grupos de investigación da Universidade de A Coruña: o Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE) do Centro de Investigación Científica Avanzada (CICA) e o Grupo Microalgae do Departamento de Microbioloxía da Facultade de Ciencias.

Este centro, que agrupa ás empresas relacionadas co sector piscícola, principalmente de Galicia, sitúase como referente internacional na acuicultura xa que os seus asociados, con plantas repartidas por toda Europa, representan o 85 % da produción europea de rodaballo e linguado. A súa misión é ofrecer solucións innovadoras para a mellora de produtos, procesos e sistemas, mellorando a competitividade das empresas acuícolas a través da I+D, desenvolvendo actividades en diversas áreas de coñecemento.

Frear a mortaldade

A produción de cultivos de moluscos bivalvos constitúe unha actividade estratéxica na economía galega. Máis alá da extracción de mexillón, produto indiscutiblemente predominante na acuicultura da comunidade, as principais especies cultivadas de bivalvos son a ostra plana e a rizada, o berberecho, a volandeira e varias especies de ameixa.

No outono do 2023 os bivalvos en cultivo sufriron unha elevada mortalidade, motivada polas extraordinarias e intensas precipitacións e causaron unha drástica baixada na salinidade das augas. Este episodio sumado a outros factores como o cambio climático, a contaminación ou as especies invasoras que afectan ás rías, producen cambios nos ecosistemas mariños, facendo que algunhas especies non sexan capaces de adaptarse. Un contexto que pon de manifesto a necesidade de desenvolver proxectos de investigación que permitan implantar estratexias de cultivo eficaces que faciliten a supervivencia destas especies.

Imaxes relacionadas