Nova
Villares asina un convenio de colaboración coa Federación provincial de confrarías de pescadores de Pontevedra por valor de 125.000 €
O titular de Mar destaca o papel da entidade no ámbito asociativo dos profesionais do mar na provincia e manifesta o compromiso da Xunta en seguir avanzando no diálogo co sector para o deseño e execución das políticas pesqueiras na comunidade
A Consellería do Mar reforza a colaboración con esta federación provincial que aglutina a preto de 4.900 profesionais e máis de 2.600 embarcacións pertencentes a 22 confrarías
Soutomaior (Pontevedra), 22 de xaneiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asinou hoxe co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, José Manuel Rosas, un acordo para reforzar a colaboración entre a Administración autonómica e o sector dotado con 125 mil euros. A finalidade é potenciar o desenvolvemento da actividade desta entidade como máximo interlocutor dos traballadores do mar na provincia.
O responsable autonómico puxo en valor en Arcade, onde se atopa a sede da Federación no municipio pontevedrés de Soutomaior, este acordo que, segundo manifestou, amosa unha vez máis o firme compromiso do Xunta de seguir traballando da man dos profesionais do mar no deseño e desenvolvemento das políticas pesqueiras na comunidade.
Alfonso Villares, resaltou o modelo de cogobernanza no que se enmarca a liña de actuación da Consellería do Mar e que está sustentado no diálogo directo e constante cos representantes das persoas pescadoras, a través de en reunións periódicas, coa finalidade de coñecer as necesidades e artellar as mellores solucións ante os retos aos que se enfronta a actividade pesqueira.
Deste xeito, a Xunta da continuidade a esta colaboración cun novo acordo no que se incrementa o importe en máis dun 12% respecto ao 2024 o que permitirá afianzar o papel desta federación e o desenvolvemento de novas iniciativas en favor de preto de 4.900 profesionais do mar, máis de 2.600 embarcacións e das 22 confrarías que agrupa en toda a provincia de Pontevedra.