Nova
A Consellería do Mar ofrece a máxima colaboración ás confrarías da provincia da Coruña para a implementación das medidas recollidas no plan do percebe
Desde o departamento autonómico manifestaron que o Plan de Explotación Sostible para o trienio 2025-2027 posibilita medidas de flexibilización co obxectivo de facilitar o cumprimento da normativa en materia de control e trazabilidade
O documento ten como finalidade garantir a sostibilidade dos recursos mariños e atender ao necesario equilibrio socioeconómico da actividade
Ames (A Coruña), 22 de xaneiro de 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, mantivo un encontro con representantes dalgunhas confrarías e as súas agrupacións de percebeiros da provincia da Coruña co obxectivo de escoitar as súas demandas respecto á aplicación do Plan de Explotación Sostible para o trienio 2025-2027. Na xuntanza, convocada a petición da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Coruña na sede da Federación autonómica, Villaverde trasladou ao sector a vontade e predisposición da Consellería do Mar en colaborar e facilitar os medios necesarios para que os profesionais poidan cumprir coa normativa en materia de control e trazabilidade.
Nesta liña, a directora xeral recordou que o Plan foi elaborado xunto co sector e recolle as exixencias establecidas pola normativa autonómica, estatal e europea neste ámbito que teñen por obxecto garantir o uso sustentable dos recursos mariños así como garantir as condicións de hixiene dos produtos que chegan aos consumidores. Ademais, expuxo que o documento posibilita medidas de flexibilización para facilitar aos profesionais o cumprimento de devandita regulación.