Nova

A Xunta e Anfaco-Cecopesca analizan vías de colaboración para reforzar a empregabilidade e a remuda xeracional no sector mar-alimentario

1 de 1

Na xuntanza, na que tamén participou a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, abordáronse medidas impulsadas pola Xunta para aliñar a formación para o emprego en liña coas necesidades das empresas e clústeres sectoriais

Así, púxose en valor a nova convocatoria de unidades formativas que se lanzará nos vindeiros días cun orzamento de 8 M€ e que, como principal novidade, contempla que tamén poidan ser solicitadas por asociacións empresariais sen ánimo de lucro

Tamén se debullaron as posibilidades que ofrece para o sector mar-alimentario o Plan de atracción de talento que impulsa a Xunta da man do tecido produtivo, como o programa Retorna Cualifica Emprego

Vigo, 23 de xaneiro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, mantivo hoxe un encontro co secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Roberto Carlos Alonso, así como con outros representantes desta entidade que traballa a prol dos intereses das empresas encadradas no sector da industria mar-alimentaria. Na xuntanza, abordáronse diferentes vías de colaboración para afrontar retos como a necesaria remuda xeracional no sector transformador da pesca e da acuicultura ou a incorporación de novos perfís para cubrir vacantes e incrementar a competitividade das firmas asociadas.

Así, o conselleiro de Emprego destacou a aposta do Goberno autonómico por poñer a disposición das tecido empresarial —a través de diferentes liñas de axudas— accións formativas a demanda das súas necesidades co obxectivo tanto de recualificar a poboación ocupada —en liña coas directrices da UE para reter talento— como para mellorar a empregabilidade das persoas sen traballo. A este respecto, puxo o foco na nova convocatoria de unidades formativas en empresas que se lanzará nos vindeiros días cun orzamento de 8 millóns de euros e que, como principal novidade, contempla que tamén poidan ser solicitadas por asociacións empresariais sen ánimo de lucro, como é o caso de Anfaco. A medida, indicou, permite que as empresas poidan executar as súas propias accións formativas cualificando a persoas desempregadas co compromiso de contratación de entre o 40 % e  60 % do alumnado participante.

Canto á forza laboral externa, na reunión debulláronse as posibilidades para o sector mar-alimentario enmarcadas no Plan de atracción de talento que impulsa a Xunta. Entre elas, destacaron as oportunidades que ofrece a segunda edición aberta actualmente do Programa Retorna Cualifica Emprego, que promove á volta á nosa Comunidade de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe da man das empresas, o obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025. 

 

 

Imaxes relacionadas