Nova

Villares enxalza as dúas décadas de traxectoria da feira Expomar e a sitúa como referente no norte de España e Portugal

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O responsable autonómico tamén puxo en valor a pegada, deste evento dedicado ao sector do mar, en Burela e no conxunto da Mariña lucense amosando os avances no ámbito da actividade pesqueira responsable e sostible

Madrid, 23 de xaneiro de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación da feira Expomar na Casa de Galicia en Madrid onde enxalzou as dúas décadas de traxectoria deste evento dedicado ao sector pesqueiro e que serve cada ano para poñer en valor o traballo e bo facer da xente do mar. Nesta liña, resaltou que se trata dun evento consolidado que atrae cada ano a centos de expositores e miles de visitantes amosando os avances no ámbito da actividade pesqueira responsable e sostible.

O evento, enmarcado na Feira Internacional de Turismo (Fitur), serviu para expoñer os eventos centrais que promove a Fundación Expomar como son a Feira Monográfica Náutico- Pesqueira, o Econtro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, e as Xornadas Técnicas. Citas que contan co apoio apoio da Xunta e que deixan unha fonda pegada tanto en Burela como no conxunto da Mariña lucense.

O titular de Mar tamén resaltou as liñas de traballo comúns entre a Administración autonómica e esta entidade que tamén desenvolve accións de apoio ao sector nestes últimos anos, dirixidas cara ao ámbito da saúde e o consumo de peixe, entre as que destacan as xornadas Come San, Come Peixe e Mens Sa in Corpore San, ou á promoción de produtos ecolóxicos e artesanais, a través da Feira Produart.

Alfonso Villares aproveitou para sinalar a importancia de sumar esforzos na posta en valor do labor do sector pesqueiro galego, referente internacional en pesca responsable e sostibilidade, e a súa contribución á hora de levar o mellor produto aos mercados. Tamén subliñou a necesidade de promocionar o consumo entre a cidadanía polos seus importantes beneficios para a saúde e benestar grazas ás excepcionais calidades nutritivas destes alimentos.

Imaxes relacionadas