Nova

Villares resalta aos Galp como instrumentos esenciais na transformación e dinamización da actividade pesqueira galega

1 de 2
2 de 2

O conselleiro do Mar visita o proxecto financiado pola Xunta, a tavés do Galp Ría de Arousa, e que permitu a adquisición de maquinaria para o marisqueo cunha achega autonómica de máis de 108 mil euros

Alfonso Villares destaca que este investimento permite mellorar as condición do substrato dos bancos, a seguridade no traballo das persoas mariscadoras e dinamizar a economía deste municipio costeiro

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2025

A Confraría de Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa foi unha das entidades beneficiarias das axudas da Consellería do Mar a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Arousa para o desenvolvemento dun proxecto para a adquisición de maquinaria para o marisqueo que foi beneficiaria dunha achega autonómica de 180 mil euros. Hoxe, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou o municipio pontevedrés para coñecer con detalle as accións acometidas e que permitiron dotar aos profesionais do mar da zona dun novo tractor, dunha máquina de chorros e un motor foraborda.

O titular de Mar, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, resaltou aos Galp, dependentes da Consellería, como instrumentos esenciais na transformación e dinamización da actividade pesqueira e puxo en valor que esta iniciativa permite reducir o consumo enerxético, rebaixando a súa vez as emisións de CO2, fundamental para mitigar os efectos do cambio climático. Unha actuación que, ademais, fará posible mellorar o substrato dos bancos para facilitar a fixación e desenvolvemento dos moluscos bivalvos e recursos específicos así como mecanizar o proceso de remoción.

Nesta liña, Alfonso Villares tamén sinalou a mellora da seguridade no traballo dos profesionais do mar grazas á redución dos riscos de lesión derivados do esforzo na remoción e limpeza dos bancos á vez que reforzo un sector estratéxico para as economías e a xeración de emprego nas zonas costeiras. O responsable autonómico recalcou que este proxecto afonda na liña de traballo da Consellería do Mar na procura da  mellora dos equipamentos e infraestruturas portuarias así como na potenciación, modernización e transformación do conxunto do sector marítimo pesqueiro co obxectivo de que sexa cada vez máis competitivo e sostible.

Imaxes relacionadas