Nova

A Xunta renova a súa alianza coa DOP Mexillón de Galicia para afondar na promoción e comercialización do produto estrela da acuicultura galega

1 de 2
2 de 2

O conselleiro do Mar puxo en valor o labor e traxectoria desta entidade que desde 1994 traballa en favor do recoñecemento da calidade e excelencia deste molusco bivalvo entre produtores, comercializadores e consumidores

Este acordo, que recolle unha achega autonómica de 40 mil euros, eleva os apoios económicos da Consellería do Mar a este organismo ata superar os 650 mil euros desde o 2021

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2025

A Consellería do Mar renovou hoxe a súa alianza co Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia mediante a sinatura dun novo convenio de colaboración que ten como obxectivo afondar na coordinación no desenvolvemento de accións  destinadas á mellora da promoción e comercialización deste produto estrela da acuicultura galega. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recordou que se trata do primeiro produto do mar que obtivo este distintivo de calidade en Europa e na actualidade é o único de toda España.

Nesta iiña, o responsable autonómico puxo en valor o labor e traxectoria deste organismo en favor do recoñecemento da calidade e excelencia deste molusco bivalvo entre produtores, comercializadores e consumidores. Así, esta entidade ten entre as súas funcións a realización de auditorías nas bateas e nos peiraos autorizados para a descarga do produto así como avaliar a cadea de custodia para garantir e certificar que ese mexillón foi producido, transformado e elaborado na comunidade. Tamén participa en proxectos galegos, estatais e comunitarios a través dos resultados obtidos nas investigacións de I+D+i ademais de promocionar as bondades deste produto entre os consumidores e fomentar iniciativas socioeconómicas para a mellora do tecido miticultor.

Este acordo, que recolle unha achega autonómica de 40 mil euros, eleva os apoios económicos da Consellería do Mar a este organismo desde o ano 2021 ata superar os 650 mil euros. Unhas cifras que para o titular de Mar reflicten o compromiso da Xunta en apoiar a produción, comercialización e valorización deste produto galego. Un traballo conxunto que fixo posible que hoxe esta DOP estea presente tanto no mercado nacional como internacional a través de máis de un centenar de marcas comerciais autorizadas que ofrecen máis de 500 referencias ao consumidor final con unha ampla variedade de presentacións: fresco, conserva, cocido, conxelado, pasteurizado ou elaboracións de cuarta ou quinta gama. Na actualidade son 43 as empresas certificadas para a comercialización deste mexillón certificado, 14 o fan en fresco e 29 en transformado.

Imaxes relacionadas