Nova
Galicia sitúa os seus produtos pesqueiros na vangarda culinaria global e pon sabor cun espazo propio na nova edición de Madrid Fusión
Esta cita, de referencia internacional, reúne aos mellores chefs, produtores e expertos cun amplo programa de relatorios, showcookings, exposicións, concursos e degustacións
O conselleiro do Mar destaca esta cita como escaparate para o peixe e marisco da comunidade, facilitando aos produtores coñecer as últimas tendencias e innovacións ademais de servir como plataforma de negocio para captar potenciais clientes
Participan como coexpositores do stand da Xunta 10 empresas da cadea mar- industria, que acolleu catas de produtos con selos como a pescada de pincho de Burela, DOP Mexillón de Galicia ou de PescadeRías, de onde son?
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe nunha cata de viños tintos da nosa comunidade e mañá será xurado do primeiro concurso da “mellor empanada by Galicia”, organizado pola Xunta en Madrid Fusión
Madrid, 28 de xaneiro de 2025
Galicia conta cunha participación destacada na nova edición do evento gastronómico Madrid Fusión, referencia internacional, cun espazo propio financiado pola Xunta para levar o mellor sabor da comunidade a través dos produtos do mar, divulgando a súa calidade e excelencia así como versatilidade e propiedades culinarias que os sitúan como a mellor materia prima para a cociña de vangarda.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe as empresas presentes da man do Goberno galego onde resaltou o papel da cociña galega nesta edición, tanto pola destacada presenza de produtos da comunidade como de profesionais da cociña de recoñecido prestixio como o chef de Culler de Pau (Cambados), Javier Olleros, que conta con dúas estrelas Michelin, ou o chef de Abastos 2.0 (Santiago de Compostela, Iago Pazos, ambos galardoados en anteriores edicións.
O responsable autonómico indicou que neste evento danse cita as últimas tendencias e innovacións da cociña global a través dun amplo programa de relatorios, showcooking, exposicións, concursos e degustacións nos que participan chefs, produtores e expertos de todo o mundo. Así, subliñou a importancia de que o peixe e marisco galegos conten con visibilidade e difusión únicas nun evento que funciona como escaparate de excepción a nivel global e plataforma de negocio para empresas do sector alimentario e hostaleiro permitindo establecer novos contactos e chegar a potenciais clientes.
No stand da Xunta participan dez empresas ou entidades relacionadas coa comercialización de produtos da pesca: Anfaco-Cecopesca, Algas Atlánticas Algamar, Artesa Rías Baixas, Recién Pescado, El Percebeiro, Conservas Artesanas Gallegas, Mi Pescado en tu mesa, Bacalao Outón, a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, HQ Seaweed. Nos tres días que dura o evento, o espazo autonómico serviu como punto de encontro para os amantes dos alimentos mariños mediante degustacións baixo o lema GALICIA SABE AMAR nos que se deron a coñecer selos de calidade como a pescada de pincho de Burela, PescadeRías, de onde son? ou DOP Mexillón Galicia, único produto pesqueiro con este recoñecemento en España e con cuxo Consello Regulador a Consellería do Mar ven de renovar o seu convenio de colaboración. Tamén houbo unha cata de conserva galega a través da iniciativa ‘Cata la lata”, todas elas presentadas por chefs galegos como Miguel Fernández (Restaurante Bancal- Madrid), Álvaro Villasante (Restaurante Paprica, Grupo Nove), Begoña Vázquez (Restaurante Regueiro da Cova), Javier Rodríguez “Taky” (Catering Boketé, Grupo Nove), Diego Domínguez e Marcos Arufe (Espazo Remollo).
Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou este mediodía na cata de diferentes viños tintos galegos, entre eles os premiados na Cata dos Viños de Galicia 2024, dentro do espazo Wine Edition de Madrid Fusión. O evento foi conducido polo Master of Wine Fernando Mora, acompañado polo sumiller galego Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy.
Realizouse un percorrido vitivinícola polas denominacións de orixe galegas para dar a coñecer os tesouros que se crean coas variedades tintas galegas a un auditorio de medio cento de profesionais do sector, todo maridado con elaboracións culinarias de produtos galegos. Na cata tiveron un papel protagonista os tintos da denominación de orixe Ribeira Sacra, como parte do plan de reforzo da promoción deste produto que impulsa a Consellería do Medio Rural en colaboración co consello regulador.
Mañá mércores, na última xornada de Madrid Fusión, dentro do programa de actos salienta a final do primeiro concurso da “mellor empanada by Galicia”, organizado pola Xunta, no que Martín Alemparte participará como xurado, así como tamén o subdirector xeral de valorización dos produtos do mar, Cándido Rial. Este certame, promovido polas consellerías do Mar e do Medio Rural, seleccionará a mellor receita deste produto elaborada con ingredientes de calidade diferenciada do agro e do mar de Galicia. Son seis os finalistas do concurso, que se resolverá na Aula Polivalente de Madrid Fusión a partires das 13:35 horas.
Lugo no podio das tapas
O conselleiro do Mar asistía a última hora da mañá á final do Campionato Oficial de Tapas e Pinchos, no marco da feira, que contaba con representación galega para superar esa última proba. Finalmente, “petisco larpeiro”, a tapa presentaba polo equipo de Orixe do Campo, de Lugo, capitaneado por José Luis Pardo, conseguiu facerse co segundo posto na terceira edición deste certame que premia a calidade, o sabor e a orixinalidade.