Nova
O Intecmar recibe á directora executiva da AESAN para mostrar o funcionamento do laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas
A directora do centro autonómico, Covadonga Salgado, amosou as instalacións nas se realizan os traballos de control destacando o funcionamento e as actividades do Laboratorio Nacional de Referencia
Tamén abordaron a renovación do convenio polo que se instrumenta unha encomenda de xestión no marco das actividades desenvolvidas no Intecmar como Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 31 de xaneiro de 2025
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) recibiu esta semana a visita dunha delegación da AESAN ao mais alto nivel, encabezada pola recentemente nomeada directora executiva da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), Ana López-Santacruz, acompañada pola directora do Centro Nacional de Alimentación, Juana Bustos e a directora do Laboratorio de Biotoxinas Mariñas de AESAN en Vigo, Sabrina Otero. No Intecmar, foron recibidas pola directora do centro autonómico, Covadonga Salgado, e o seu equipo, e puideron coñecer as redes de controis de seguridade alimentaria, de enfermidades dos moluscos e o labor do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, centrándose a visita posteriormente no traballo que se desenvolve na Unidade de Biotoxinas da man dos responsables técnicos da mesma.
A directora do Intecmar destacou ante as responsables estatais a experiencia e traxectoria de máis de 30 anos do centro que o levou a ser o primeiro laboratorio de Europa na acreditación de análise histopatolóxicas de moluscos, así como o pioneiro centro de control oficial de España en acreditar o método analítico de referencia de toxinas mariñas lipofílicas, mediante cromatografía de líquidos con detector de espectrometría de masas. Na actualidade está situado á vangarda europea e mundial cun interese triplo: a protección do medioambiente mariño e o aumento da calidade das augas; a preservación do litoral e o incremento da seguridade marítima; e a conservación dos recursos mariños e o coidado da saúde, tanto dos animais mariños como das persoas que os consumen como alimento, destacando neste último aspecto, na identificación e detección dos distintos tipos de toxinas presentes na costa galega.
Unha actividade de control que se sustancia cada ano na realización do entorno dos 10.000 análises de biotoxinas mariñas, a emisión de máis de 600 informes do estado das zonas e a aprobación de máis de 400 resolucións que regulan a actividade extractiva das áreas onde se producen moluscos bivalvos en Galicia. Unha tarefa para a que conta cunha ampla rede de puntos de toma de mostras ao longo do litoral galego que ofrece un alto nivel de eficiencia na resposta ao sector marisqueiro e bateeiro trasladando información de forma transparente, rápida e efectiva sobre as incidencias de peches e aperturas das zonas produtivas.
A visita institucional tamén serviu para abordar coa nova directora executiva de AESAN a renovación do convenio polo que se instrumenta unha encomenda de xestión para a colaboración no marco das actividades desenvolvidas como Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas (LRBM).
López-Santacruz agradeceu a acollida e amosou o seu recoñecemento polo papel líder e complexo que Intecmar leva a cabo como Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas e alabou a excelencia e profesionalidade do persoal do Intecmar.