Nova
A campaña Galicia Sabe Amar divulga entre os alumnos do Ceip Alborada o mellor sabor das rías galegas e os beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou a foodtruck que ao longo da mañá recibiu aos estudantes de primaria en varias quendas
A Coruña, 31 de xaneiro de 2025
A campaña GALICIA SABE AMAR, impulsada pola Consellería do Mar, continúa levando o mellor sabor das rías galegas a través de foodtrucks aos escolares da comunidade. Nesta ocasión foi o alumando do CEIP Alborada, do municipio da Coruña, o que contou coa presenza da delegada da Xunta, Belén do Campo para poñer en valor esta iniciativa. Alí puxo en valor a importancia de promover o consumo entre a xente máis nova nun contexto de progresivo descenso da presenza destes alimentos na cesta da compra da cidadanía. Nesta liña, subliñou os múltiples beneficios para a saúde que supón a inclusión do peixe e marisco no marco dunha dieta equilibrada pola súa riqueza nutritiva. Os alumnos de primaria visitaron a foodtruck ao longo da mañá organizados en varias quendas.
A representante do goberno autonómico destacou que esta campaña, ademais de fomentar a mellora dos hábitos alimenticios e a saúde da xuventude galega, tamén contribúe a divulgar a excelente calidade dos produtos que saen da costa galega reforzando á vez un sector estratéxico para a economía galega que representa preto do 5% do PIB e do que dependen ao redor de 50.000 empregos. Unha liña de traballo na que se afonda nos Orzamentos do 2025 mobilizando máis de 20 millóns de euros, un 75% máis que no 2023, para campañas de promoción, a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros e acuícolas e ao estudo de patróns e tendencias de consumos.