Nova

A campaña GALICIA SABE AMAR fai a súa parada en Outeiro de Rei co fin de promocionar a calidade dos produtos do mar galego

Outeiro de Rei (Lugo), 31 de xaneiro de 2025

A campaña GALICIA SABE AMAR visitou este venres o concello lucense de Outeiro de Rei cunha das foodtrucks que forman parte desta iniciativa da Consellería do Mar e que están percorrendo toda a xeografía galega para difundir a calidade e sabor dos produtos pesqueiros dos que dispón a nosa comunidade. Ata alí se achegou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e  puxo en valor as propiedades nutritivas e culinarias destes alimentos e os múltiples beneficios do seu consumo na prevención de doenzas como as de carácter cardiovascular.

Así, o responsable autonómico puxo en valor esta acción de promoción dos produtos do mar xa que contribúe a mellorar os hábitos alimenticios dos galegos e galegas á vez que apoia o traballo e bo facer dos traballadores do mar da comunidade nun contexto de paulatino descenso no rexistro de consumo destes alimentos. Tamén recordou o peso da cadea mar-industria na economía de Galicia na que traballan ao redor de 50.000 persoas da comunidade e que representa entorno ao 5% do PIB autonómico. Por último, volveu a expresar o seu apoio á demanda do sector para que o Goberno central rectifique e acceda a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros e poña os medios necesarios para impulsar campañas de promoción de carácter estatal.