Nova

Portos de Galicia proxecta estudios con prototipos a escala para escoller a mellor alternativa técnica para reforzar a seguridade en Malpica

Os orzamentos da Xunta de Galicia contemplan unha partida de 250.000 euros para estes traballos e outra de 1,2 para dotar de departamentos ao profesionais malpicáns

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2024

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación as actuacións previstas para a mellora da seguridade no porto de Malpica ante os problemas de axitación no interior da dársena. Ao respecto, asegurou que a Xunta de Galicia proxecta a realización de estudios con prototipos a escala que completen os estudios matemáticos realizados ata agora para avaliar as posibles solucións técnicas para reforzar a seguridade no porto de Malpica.

Esta liña de traballo definiuse logo de prantexar unha nova petición a confraría de pescadores de Malpica consistente na creación dunha dársena intermedia. Os estudios realizados para valorar esta posibilidade revelaron a posibilidade de pequenos empeoramentos de correntes en zonas  puntuais. Porén, a baixa magnitude destes valores resultantes poderían ser compatibles coa operatividade do porto polo que resulta necesaria a realización de novos estudos, a fin de coñecer co maior rigor técnico  posible as solucións adecuadas, xa que calquera actuación podería empeorar a situación en novas zonas facendo que se teña que iniciar outro novo proceso de estudos coa obra xa executada.

O presidente de Portos subliñou que o ente público mantén o seu compromiso con este proxecto como evidencia a consignación de 250.000 euros nos orzamentos do ente público para 2025 con obxectivo de definir a solución técnica axeitada. Ademais, lembrou que o principal problema no porto de Malpica é a onda longa, un fenómeno pouco estudiado anteriormente e que non se tiña en conta no deseño das infraestruturas portuarias, que se amplifica dentro do porto de Malpica xerando fortes correntes, especialmente na zona das comportas, causando unhas condicións de exposición extrema.

Así mesmo, na súa intervención, o presidente de Portos reseñou que os orzamentos da Xunta de Galicia prevén un investimento plurianual de 5 millóns de euros para esta actuación, así como outra partida de 1,2 millóns, dos que 100.000 euros son consignados para 2025, para á reparación dos departamentos de exportadores no porto de Malpica. Ademais, reseñou, neste ano 2025 executaranse obras neste porto por importe de 200.000 euros para a renovación de luminarias e substitución por tecnoloxía LED e investiranse 51.000 euros na reposición de firmes e pavimentos, que se iniciará na primavera, cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.