Nova

A Consellería do Mar executou preto do 84% dos fondos FEMP e mobilizou máis de 575 M€ no período 2014-2023 en favor do sector pesqueiro galego

A secretaria xeral técnica puxo en valor as medidas postas en marcha polo Goberno galego para mellorar a xestión destes recursos como a ampliación dos recursos humanos, reprogramacións de medidas ou a simplificación das convocatorias

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica resaltou que a Consellería do Mar ten abertas tres liñas de axudas abertas que, en conxunto, suman máis de 80 M€

A directora de Desenvolvemento Pesqueira destacou o compromiso da Xunta co sector marisqueiro mobilizando todos os recursos dispoñibles no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 24-25

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025

A Consellería do Mar executou preto do 84% do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020 o que supón un total de 262 millóns de euros en favor do sector. Datos provisionais recoñecidos en outubro polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e que sitúa a Galicia como a comunidade con máis fondos executados en termos absolutos e en liña con outras como Asturias ou País Vasco en termos relativos. Así o manifestou a secretaria xeral técnica da Consellería, Marta Barreiro, no marco da súa comparecencia na Comisión 8 do Parlamento.

Barreiro sinalou que o informe de fiscalización destes fondos europeos do Consello de Contas constitúe unha foto fixa que non reflicte a xestión actual destes recursos. Ademais, recordou que as características do sector -reducido tamaño e con escaso persoal cualificado para as tramitacións-, así como as propias do fondo -con normativa complexa, numerosos requisitos esixidos ou liñas de actuación de pouco interese para o sector-, obstaculizan a xestión financeira polo que reiterou a demanda de Galicia para a súa simplificación en beneficio de todos os axentes implicados.

Tamén subliñou que a Consellería do Mar implantou un plan de acción para mellorar a execución deste fondo europeo con medidas como a ampliación dos recursos humanos, reprogramacións das medidas ou a simplificación das convocatorias. Por outra banda, fixo unha valoración positiva da creación da subdirección xeral de Planificación e Seguimento e Verificación do FEMPA no 2021 e puxo en valor a creación da rede de oficinas Es.Mar de asesoramento aos posibles beneficiarios xestionadas por este departamento autonómico que contará cunha rede de sete oficinas físicas en Viveiro, Ferrol, A Coruña, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo.  

80 M€ para impulsar ao sector

Pola súa banda, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, tamén explicou no Parlamento que a Consellería do Mar mantén abertas tres liñas de axuda cun valor conxunto de 80 millóns de euros destinadas a impulsar a competitividade e sostibilidade do conxunto da cadea mar-industria. Unhas medidas de apoio que son complementadas coa implantación de solucións técnicas como é o caso do plan de xestión do polbo, con novas medidas para evitar a sobrepesca e a saturación dos mercados no inicio da campaña, mellorando a rendibilidade económica desta especie.

Nesta liña, puxo en valor o traballo realizado xunto coa frota do cerco que se materializou na formulación de peticións motivadas ao Goberno central sobre a necesidade de adoptar un mellor modelo de xestión das especies peláxicas e achegando medidas técnicas que non obtiveron resposta. Así, destacou que esta pesqueira é de competencia estatal que é xusto onde se observan maiores descensos de capturas para a frota galega.

Apoios ao marisqueo

Tamén compareceu a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, que subliñou que a Xunta está a traballar intensamente co sector representando polas federacións de confrarías, tanto a galega como as provinciais, no seguimento da execución do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 24-25 dotado con 123 millóns de euros dos que xa foron mobilizados máis de 70 millóns en diferentes liñas de axuda destinadas a apoios directos aos profesionais, ás paradas temporais da actividade extractiva, ao fortalecemento das súas entidades, a mellora das equipacións e infraestruturas,  rexeneración dos bancos ou que lle permiten ás confrarías contar con vixilancia e asistencias técnicas entre outras.

Lamentou que o Goberno galego é a única administración que está traballando en favor da actividade marisqueira poñendo todos os recursos dispoñibles ao servizo do sector e puxo en valor a aposta da Administración autonómica pola ciencia investindo máis de 4 millóns de euros en proxectos enfocados á mellora da resiliencia da produción marisqueira. Unha liña de traballo, a da Consellería do Mar, que é o resultado do modelo de coxestión que preside a política pesqueira de Galicia.