Nova

A Consellería do Mar e a Federación de Confrarías de Pescadores da Coruña asinan un convenio para cubrir gastos correntes por valor de 125.000 €

1 de 2
2 de 2

Alfonso Villares enxalzou o labor do colectivo presidido por Daniel Formoso que agrupa a 35 confrarías da provincia, con máis de 5.000 afiliados e 2.600 embarcacións e agradeceu a súa coordinación coa Xunta de Galicia para traballar pola mellora do sector

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, Daniel Formoso, asinaron hoxe un convenio de colaboración que suporá unha achega por parte do departamento autonómico de 125.000 euros. Este importe destinarase a asumir os gastos correntes nos que incorra a entidade ao longo deste ano 2025, como consecuencia das actividades que desenvolve.

No acto de sinatura deste convenio de colaboración o conselleiro do Mar enxalzou o labor da federación como representante do sector profesional marítimo portuario de toda a provincia da Coruña. Villares subliñou a importancia da entidade como interlocutora que representa a 35 confrarías que reúnen a máis de 5.000 afiliados e 2.650 embarcacións.

O representante do Executivo galego insistiu na vontade da Xunta de Galicia de seguir contribuíndo a mellorar as condicións de traballo das mulleres e homes do mar, traballando de xeito coordinado co sector a través dos seus representantes. Neste sentido, agradeceu a boa disposición da federación de confrarías da Coruña para traballar de xeito coordinado coa consellería no desenvolvemento de políticas públicas de apoio ao sector pesqueiro. 

Co convenio asinado esta mañá, a Consellería do Mar da continuidade á colaboración que ven mantendo coa Federación de Confrarías de Pescadores da Coruña e incrementa o seu apoio económico. De feito, o importe do convenio de colaboración para as actividade que se organicen ao longo deste ano incrementa un 12,6% a contía do ano anterior. 

Imaxes relacionadas