Nova

Javier Arias visita unha das foodtrucks de GALICIA SABE AMAR ao seu paso por Lugo

1 de 1

Lugo, 6 de febreiro de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou esta tarde unha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR que nesta xornada recalou en Lugo para animar á cidadanía a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo. Esta proposta gastronómica estivo durante toda a xornada na praza de San Marcos.

Arias puxo en valor esta acción de promoción impulsada pola Xunta “para dar a coñecer os nosos produtos, que son os mellores do mundo por calidade, variedade e frescura e porque nos permiten ter unha alimentación saudable” e que ao mesmo tempo “contribúe a visibilizar o traballo e bo facer dos traballadores do mar da comunidade”.

As persoas que se achegan a algunha das foodtrucks de GALICIA SABE AMAR que están a percorrer a xeografía galega poden degustar de xeito gratuíto petiscos elaborados con produtos certificados do mar -como o bonito do norte ou o mexillón de Galicia- xunto con outros da terra con denominación de orixe -como as fabas de Lourenzá, o mel ou o queixo- ademais de recibir información sobre a súa calidade e propiedades nutritivas.

A foodtruck seguirá o seu percorrido pola provincia e o vindeiro sábado día 8 instalarase diante do polideportivo de Baamonde (Begonte) en horario de 16.00 a 21.00 horas.

Imaxes relacionadas