Nova
Portos de Galicia e o Concello da Illa de Arousa acordan a proposta para a reversión ao estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria
O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e no seu caso trasladarse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa Fegamp
A zona afectada abrangue a Praza do Regueiro e a Praza do Campo, que rexistran actividade puramente veciñal
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro e 2024
Portos de Galicia e o Concello da Illa de Arousa acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde arousán, na sede do organismo portuario.
No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello da Illa de Arousa dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.
En concreto no caso do porto da Illa de Arousa os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello abranguen a Praza do Regueiro e a Praza do Campo, que rexistran actividade puramente veciñal.
A reunión co Concello da Illa dá continuidade ás celebradas xa cos oito concellos incluídos na primeira fase de reversións de terreos ao Estado para os que o Consello Reitor de Portos de Galicia aprobou a principio deste mes a declaración de innecesariedade dos terreos que poderán ser transferidos. Esta segunda fase que da comezo co concello da Illa de Arousa será posteriormente presentada ao Consello Reitor de Portos antes de trasladar as propostas á Consellería de Facenda, que a elevará ao Consello da Xunta. Unha vez aprobadas polo Executivo galego, remitiranse ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.