Nova
Villares traslada ao sector o compromiso da Xunta na implantación de medidas e mobilización de recursos co obxectivo de impulsar as zonas produtivas
O responsable autonómico aborda coas confrarías a situación actual dos bancos de libre marisqueo e trasladou a colaboración da Consellería do Mar para seguir afondando no estudo e deseño de accións que reforcen a actividade marisqueira
Tamén destaca os apoios directos ao sector e a execución de traballos de remoción de substrato, limpeza, rexeneración, retirada de depredadores e sementeiras así como de seguimento por parte dos técnicos autonómicos
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro coas confrarías do libre marisqueo da ría de Arousa a solicitude das federación provinciais da Coruña e Pontevedra para abordar a situación dos bancos de libre marisqueo. Unha xuntanza que afonda no diálogo constante e directo co sector e que está enmarcada no modelo de cogobernanza da xestión pesqueira de Galicia. Alí, o responsable autonómico trasladou o compromiso da Xunta para continuar implantando medidas, así como a mobilización de recursos, co obxectivo de impulsar a produtividade das zonas produtivas.
O titular de Mar explicou que desde o Goberno galego estase a financiar proxectos de investigación en colaboración cos centro de investigación mariña autonómicos e as universidades galegas para estudar con profundidade os factores que afectan á produtividade dos bancos e no deseño de actuacións biotecnoloxicas que permitan mitigalas. Nesta liña, ofreceu a colaboración e os recursos dispoñibles da Consellería para o análise e deseño de acción que reforcen a actividade marisqueira.
Alfonso Villares resaltou os apoios directos ao sector con máis de 108 mil euros á confrarías da ría de Arousa ao abeiro da orde de axudas para a rexeneración e 475 mil euros ao abeiro da orde de apoios para proxectos de restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Tamén recordou a publicación no DOG o pasado mes de xaneiro, no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia, de dúas convocatorias de axuda para a mellora da xestión e conservación dos bancos marisqueiros que ascenden a un total de 2,2 millóns de euros.
Actuacións realizadas
A Consellería do Mar leva tempo desenvolvendo traballos para impulsar a produtividade dos bancos do libre marisqueo da ría de Arousa. No banco do Bohído realizáronse tarefas de remoción nunha superficie de preto de 567 mil m2 , en Cabío sobre unha superficie de 260 mil m2, e no banco dos Lombos do Ulla sobre máis de 400 mil m2, previa limpeza, e que se suman ao control de depredadores e sementeiras como a executada por mergulladores no banco do Bohído con máis de 265 mil unidades de ameixa babosa procedente do viveiro de O Vicedo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar. Unha labor que resulta complementada co traballo de seguimento dos técnicos autonómicos desde fai máis de 20 anos que resulta unha fonte fundamental para a toma de decisións nestas zonas produtivas.