Nova

Rueda trasladará ao comisario europeo de Pesca e Océanos o interese de Galicia nun desenvolvemento pesqueiro sostible e que compatibilice aspectos sociais e ambientais

Icono cerrar

Declaracións do presidente

1 de 1

Solicita que a UE combata a competencia desleal de produtos marítimos de orixe extracomunitaria que non respectan as condicións que aquí se esixen

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que trasladará ao comisario europeo de Pesca e Océanos, o chipriota Costas Kadis, que para Galicia é prioritario que a Unión Europea aposte por un desenvolvemento pesqueiro sostible e que compatibilice aspectos sociais e ambientais. Rueda fixo fincapé en que “somos os primeiros interesados en coidar” uns recursos marítimos que “necesitamos que se nos deixe seguir explotando”.

Desde a primeira potencia pesqueira de toda Europa, Rueda transmitirá mañá en Bruxelas ao novo comisario a necesidade de que a Unión Europea promova un marco equitativo na extracción e comercialización pesqueira a nivel internacional, o chamado level playing field.

Tal e como sinalou o responsable do Executivo autonómico, “temos que competir en condicións de igualdade” e reaccionar cando entran produtos pesqueiros “que teñen unha condición de vantaxe porque non se lle piden as mesmas condicións que se nos están pedindo en Europa”.

Así mesmo, o presidente da Xunta transmitirá a Kadis a necesidade de abordar desde unha perspectiva e uns prazos realistas o proceso de descarbonización da frota pesqueira. Galicia rexeita, por exemplo, que se suprima de forma xeneralizada a bonificación do combustible para a frota, dado que este sector ten unha baixa pegada de carbono e que aínda non existen alternativas ao gasóleo que sexan economicamente viables.

Imaxes relacionadas